III XORNADAS CARBALLO PORTAABERTA: SOBRE O AUDIOVISUAL
Carballo convoca o 'I Festival de Curtas rodadas con móbil' no marco das III Olimpíadas Tecnolóxicas
Venres 1 de outubro do 2010
No Festival poden participar persoas maiores de 10 anos que estean interesadas nos medios audiovisuais e nas novas tecnoloxías, sen importar cales sexan os seus coñecementos sobre a materia porque nos obradoiros recibirán cumprida información sobre cómo rodar a curta. Un dos membros do grupo debe ter un móbil con cámara de vídeo, e estarán excluídas tanto as cámaras dixitais como as PDA. Os menores de idade precisarán dunha autorización dos pais/nais ou titores para poder participar. Segundo explica Irene Rodríguez da empresa 'A lanterna máxica', encargada do festival, o obxectivo é a creación dunha curta a partir dunha ferramenta habitual, coa que estamos familiarizados, traballando en equipo e, sobre todo, divertíndose. Os 'cineastas' terán a oportunidade de desenvolver unha idea creando o guión e o storyboard e os seus traballos publicitaranse a través das principais plataformas de vídeos na rede como Youtube, Vimeo ou MySpace. Así mesmo, haberá premios para os participantes, acompañados duns pequenos agasallos. As categorías son: Mellor Curta; Mellor Guión; Mellor Idea Orixinal; Mellor Interpretación masculina; Mellor Interpretación Feminina; Mellor traballo de Posprodución; Premio do Público.
O Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Gillín, subliña que esta iniciativa está enmarcada dentro da celebración, así mesmo, das III Xornadas Carballo PortaAberta. Se as primeiras Olimpíadas Tecnolóxicas dedicáronse á xeoreferenciación e as segundas ao manexo das redes sociais, as primeiras Xornadas PortaAberta dedicáronse ao funcionamento da Administración Electrónica e as segundas á TDT coincidindo co apagón analóxico. Neste caso, as terceiras xornadas seguirán a liña das Olimpíadas e abordarán a irrupción das novas tecnoloxías no sector audiovisual. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, destaca a importancia de que se "siga fomentando o uso das novas tecnoloxías dunha maneira regrada" e neste caso que se abra a posibilidade de "gravar ou rodar unha historia que poda transmitir ideas importantes". Mencionou así mesmo que o Concello asumirá con fondos propios a apertura do Telecentro este ano para facilitar a celebración do Festival e o desenvolvemento doutras actividades relacionadas coas novas tecnoloxías.
Os interesados e interesadas poden descargar nesta mesma nova as bases do Festival en pdf, así como a solicitude de participación ou o cartel anunciador da iniciativa.