Inicio Carballo ao día Hemeroteca A exposición "Un mundo de...

RECOLLE PEZAS DE LUGARES COMO TAILANDIA OU A REPÚBLICA CHECA

A exposición "Un mundo de títeres" da compañía Viravolta, no Pazo da Cultura ata o 23 de outubro

Mércores 6 de outubro do 2010

Así, a mostra estará dispoñible para amenizar a espera do público que asista ás representacións de sala do Festival Internacional Outono de Teatro, FIOT 2010, e está incluída dentro das actividades paralelas desta XIX edición. Viravolta Títeres pon ao servizo da exposición a súa longa experiencia, destacando a variedade de marionetas e títeres, que inclúen así mesmo un teatrillo dunha das súas obras que ten visitado hai anos a Praza dos Libros de Carballo. De feito, Xaime López subliña que Carballo é unha das vilas de Galicia onde máis teñen traballado, presentando a maioría dos seus espectáculos centrados no "teatro popular galego para o público familiar", sen esquecer a recuperación da tradición, como no seu próximo proxecto, no que teñen reconstruído a barraca de 'Barriga Verde' teatro de monicreques que percorreu Galicia nos dous primeiros terzos do século XX. Parte da historia dos títeres recóllese tamén na exposición, coa explicación de distintas técnicas e aparellos que serven para "manipular" as figuras, algo esencial para materializar no escenario os personaxes que interpretan os títeres.

Ademais de Xaime López, de Títeres Viravolta, estiveron na rolda de prensa o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro; e o presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro. Este último agradeceu que Viravolta comparta os seus case 30 anos de historia co FIOT, recollendo as súas personaxes e montaxes para o público. Así mesmo, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo recoñecer o traballo de Viravolta e o seu "compromiso coa escena e co teatro", expresando que por esta mostra "pasaremos moitos dos espectadores que asistamos ás funcións", coa posibilidade de achegarse a outras modalidades teatrais. Bunkaru, de títeres xaponeses, as sombras creadas coas figuras, marotes (resultantes da combinación de títeres de luva e de variñas), así como os máis tradicionais títeres de táboa, péndulo ou 'a la planchette' están a disposición dos interesados e interesadas que queiran visitar a sala situada a carón do Auditorio no andar -1 do Pazo da Cultura ata o 23 de outubro.

Compartir: