Inicio Carballo ao día Hemeroteca 'Participando': á procura dunha...

OS MOZOS E MOZAS CHEGADOS DE TURÍN E TORTONA REGRESAN A ITALIA

'Participando': á procura dunha voz para a mocidade na comunidade local

Sábado 18 de setembro do 2010

Os responsables dos concellos participantes nesta experiencia confian en manter un partenariado para a realización de futuros proxectos. O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Xuventude que dirixe Marcos Trigo, forma parte do proxecto europeo 'Participando: os concellos e a mocidade', a través do programa 'Mocidade en acción' que ten como obxectivo fomentar a participación activa dos mozos e mozas na vida da súa comunidade local, favorecendo a creación dun espírito de corresponsabilidade e a colaboración entre a xente nova e os responsables políticos. O proxecto reúne a 24 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos para reflexionar en conxunto sobre a importancia da participación a nivel local como unha ferramenta para o fortalecemento da democracia europea. Os mozos e mozas carballeses xa teñen visitado Turín no mes de xullo, mentres que agora os piamonteses de Turín e Tortona estiveron ata hoxe, sábado 18 de setembro, de visita en Carballo.

'Participando: os concellos e a mocidade', ten como obxectivos concretos reflexionar sobre a importancia da participación a nivel local como unha ferramenta para o fortalecemento da democracia europea, pero tamén contribuír a identificar os obstáculos á participación da xente nova e desenvolver respostas que axuden a superar eses obstáculos; intercambiar información, ideas e puntos de vista sobre temas de interese común para a xente nova de España e Italia; recompilar experiencias e intercambiar análises sobre os procesos e mecanismos de participación dos mozos e mozas nos municipios; animar ao diálogo e achegar á xente nova cos responsables políticos; contribuír á identificación, diseminación e transferencia de ferramentas e mecanismos para a participación local da mocidade a nivel europeo; ou identificar as necesidades e expectativas de maneira que se logre mellorar os mecanismos de participación xuvenil existentes e avaliar a posibilidade de crear uns novos.

Compartir: