AGRUPA TRES ACTUACIÓNS NO PAZO DA CULTURA
O FIOT 2010 estrea o ciclo OTNI destinado a acoller propostas alternativas e pouco convencionais
Mércores 29 de setembro do 2010
O ciclo OTNI comeza a súa andaina con tres obras. Ábrese cunha estrea en España, un monólogo cómico con formato café-teatro, ‘Adúlteros desorientados’, a cargo dunha compañía portuguesa de longa traxectoria, Visões Uteis. A partir dun texto do madrileño Juan José Millás esta compañía realiza unha divertida proposta para un público sen prexuízos. É unha historia na procura dunha xustificación para a dobre vida, na que se relatan con humor historias e situacións reais, posibles e imaxinarias sobre o adulterio e os adúlteros. Os granadinos Histrión Teatro propoñen pola súa parte ‘Los corderos’. É un dos espectáculos máis interesantes desta tempada, presente nos máis importantes festivais e dirixido polo prestixioso dramaturgo arxentino Daniel Veronesse. Nel reflíctense as relacións da familia, os amigos, o barrio ou a figura do bo veciño envoltos nunha néboa escura de violencia na que, ao fin, a vida segue para todos.
A proposta que pecha OTNI regresa ao monólogo, e recae en Mr. Kubic, unha compañía que participa no FIOT por partida dobre, xa que está incluída tamén no teatro de sala. En ‘Metro cúbico-M3’ un home atopa un apartamento, pero, nada máis abrir a porta decátase das reducidas dimensións do seu novo fogar. Asumida a situación, embárcase na súa vida cotiá, pero non será tan doado afrontar os imprevistos domésticos, que poden adquirir dimensións épicas. Humor xestual, absurdo, áxil e fresco. Trátase de tres propostas orixinais que non teñen cabida en grandes auditorios pero que son interesantes para o público e que doutro xeito no terían presenza no FIOT, no que se quere apostar tamén polas escenografías diferentes e arriscadas. A duración dos espectáculos é, así mesmo, menor, en torno a unha hora de duración, ao igual que o prezo, que está entre os 3 e os 4 euros. As citas serán á mesma hora que as do teatro de sala, as 21.00 horas, agás no caso de Mr. Kubic, en que a cita será ás 23.00 horas.