CUARTO TRASLADO PROVISIONAL DOS POSTOS DO MERCADO
O pleno saca adiante a aprobación definitiva da Ordenanza xeral municipal sobre tráfico
Martes 28 de setembro do 2010
Aínda que no texto non existen novidades en canto á contía das sancións recollidas na Lei de Seguridade Vial, si hai unha pequena modificación en canto ao xeito de pago. Así, se o procedemento sancionador da Lei para o pago voluntario da multa cun 50 por cento de bonificación ou para a presentación de alegacións recolle un prazo máximo de 15 días, a normativa municipal aumenta o prazo a 20 días, cun espírito "máis garantista" en verbas de Benedito Viña. Outra das novas figuras recollidas pola normativa é a de 'vaos laborais'. Así, quedan establecidos dous tipos de vaos: o 'permanente', de uso continuado; e o 'laboral', vixente no tramo horario entre as 7.00 e as 20.30 horas. Polo de agora non están aínda estipuladas as taxas para os vaos laborais, aínda que si se regula o seu emprego. Recóllese, así mesmo, a obrigatoriedade de indicar a hora do comezo da 'carga e descarga', para evitar confusións sobre o tempo máximo permitido para esta operación.
O pleno tamén sacou adiante a cuarta fase do traslado provisional dos postos do mercado municipal de abastos, unha operación que se leva a cabo con motivo dos traballos de remodelación que se están desenvolvendo na praza. Así, os postos que nestes intres están situados no soto do edificio -un total de 25 de alimentación- volverán ao primeiro andar unha vez rematado o acondicionamento da zona. Hai que lembrar así mesmo, que xa se teñen realizado tres traslados: un inicial dos postos exteriores ao segundo andar e a súa posterior volta aos locais de fóra unha vez rematadas as melloras e o primeiro traslado dos postos de alimentación ao soto. Respecto do transcurso das obras, dende o Goberno Local informan que está previsto que rematen no prazo estipulado, en abril de 2011.
O pleno designou tamén, neste caso por unanimidade, os dous festivos locais para o próximo ano, que serán o Martes de Antroido -o 8 de marzo- e o venres 24 de xuño, día de San Xoán. Ademais, saíu adiante a modificación dos límites de gasto plurianual da futura escola infantil cofinanciada pola Deputación da Coruña que se edificará no entorno da estrada de Razo. O proxecto conta cun orzamento de 845.000 euros e no caso de que a cantidade orzamentaria non se gaste nunha única anualidade e sempre que a segunda anualidade supere o 70 por cento do investimento, este trámite debe ratificarse a través de acordo plenario. Segundo os cálculos, empregarase en 2010 un 3,05 por cento dos fondos destinados ao proxecto, deixándose o 96,95 por cento restante para 2011, de aí que sexa necesaria a modificación. Por último, o pleno aprobou as contas xerais do Concello e do Padroado Deportivo Municipal de 2009. No primeiro caso sáldase a execución orzamentaria cun resultado positivo de 800.269,17 euros, e no Padroado quedou un remanente de tesourería de 54.526 euros.