Inicio Carballo ao día Hemeroteca Pentación Espectáculos regresa ao...

A CITA É NO PAZO DA CULTURA O 1 DE NOVEMBRO

Pentación Espectáculos regresa ao FIOT en 2010 co 'Karaoke' de Neus Asensi e Juanjo Artero

Luns 20 de setembro do 2010

'Karaoke' (na imaxe) conta a historia de catro perdedores que viven por inercia, xa que nada parece mover os seus adormecidos corazóns. O karaoke é unha táboa de salvación á que se aferran antes de deixarse afogar polo paso do tempo. Unha comedia aceda, chea de trazos cómicos, música, bromas divertidas, situacións absurdas e sentimentos que conseguirá emocionarnos. Pentación Espectáculos recollerá o seu galardón en Carballo coa súa estrea máis recente, que conta tamén no seu reparto con Juanjo Artero xunto a tres recoñecidos compañeiros: Neus Asensi, Elisa Mantilla e Ángel Pardo. Esta gran produtora ten unha traxectoria de máis de vinte anos e 61 espectáculos producidos e case outros tantos premios, incluído o Max 2005 ao mellor empresario privado. Desde a súa fundación apostou por un teatro de interese para o público de hoxe, con temas e historias actuais. Juanjo Artero conta con unha importante traxectoria en teatro e televisión e é moi coñecido pola súa participación nos anos 80 na popular serie 'Verano Azul'. Desde os anos 90 participou en numerosos espectáculos de teatro, series de televisión ('El comisario') e cine.

Juan Luis Iborra e Antonio Albert son os autores de 'Karaoke', que chega despois do éxito da súa obra 'Mentiras, Incienso y Mirra', protagonizada por Elisa Matilla e Ángel Pardo, aos que neste novo proxecto únense Juanjo Artero e Neus Asensi. Para Juando Artero 'Seis clases de baile en seis semanas' ten sido un importante éxito, polo que unindo os espectadores de 'Mentiras...' e 'Seis clases...' máis de 900.000 espectadores téñense sumado a algunha das dúas propostas, percorrendo máis de 180 cidades durante os tres anos que estiveron en cartel. Jesús Cimarro encárgase da produción executiva, mentres que Pentación é unha das grandes empresas teatrais en España, mantendo nestes momentos ata 10 espectáculos en cartel. Con esta carta de presentación chega unha obra teatral que fala da soidade, da incomunicación, do temor ao fracaso ou da aceptación dun mesmo. En resumo, aborda moitas das enfermidades da nosa sociedade, que nos paralizan e nos deixan inertes ante a necesidade de avanzar, de medrar, de madurar. Catro persoas con algún lastre emocional que se comunican nun local ao que acuden descoñecidos coma eles, que non queren falar e que tan só queren cantar ao son das súas cancións.

Compartir: