PRODUCÍRONSE PRETO DE 600 INTERVENCIÓNS DE BOTIQUÍN
A unidade de socorrismo de Protección Civil ten realizado sete salvamentos ao longo deste verán
Venres 17 de setembro do 2010
No que respecta ás atencións nas praias e no botiquín, realizáronse un total de 583, sendo 445 delas en Razo e 138 na zona das Saíñas e Pedra do Sal. Por meses, xuño supuxo 52 incidencias (35 en Razo e 17 nas Saíñas e Pedra do Sal), xullo 261 (201 e 60 respectivamente), agosto 224 (172 en Razo e 52 nas Saíñas e Pedra do Sal), e setembro 46 (37 e 9, respectivamente). Protección Civil tamén rexistrou as incidencias meteorolóxicas do verán. Así, mentres que o mes de xuño é descrito como "inestable", en xullo e agosto fálase de estabilidade atmosférica, tempo maioritariamente soleado e abundante vento de nordés. O Concello de Carballo financia con fondos propios os gastos derivados dos servizos de socorrismo con 185.000 euros, ademais de asumir a limpeza e coidado das praias cun gasto total entre salvamento e mantemento de 250.000 euros. Hai que lembrar que dende o venres 10 de setembro e ata o ano que vén queda oficialmente pechada a tempada de verán, polo que as praias de Razo, Baldaio e Pedra do Sal non contan xa co servizo de salvamento e socorrismo. Deste xeito os areais quedan oficialmente pechados ao baño.
No balance do verán, tamén hai que subliñar o feito de que o luns 5 de xullo precedeuse ao izado da Bandeira Azul nos areais carballeses. A praia das Saíñas contou este ano e por primeira vez co distintivo que concede a ONG Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC). Nos últimos anos viñan sendo as praias de Razo e de Pedra do Sal as que contaban coa bandeira, pero finalmente agora en 2010 uniuse a das Saíñas, co que en tres dos areais do termo municipal ondeou o distintivo este verán, sendo o único municipio da Costa da Morte que contou con tres bandeiras azuis. Esta bandeira recoñece non só a calidade das augas, senón tamén a calidade dos servizos, da xestión ambiental, da seguridade e en xeral das instalacións das que dispoñen estes espazos naturais, atendendo a accesibilidade, o feito de que exista recollida selectiva, o servizo de salvamento e socorrismo, etc. Para conseguir a Bandeira Azul é preciso realizar numerosos controis, entre os que destacan as análises periódicas das augas dos areais.