Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os integrantes do proxecto...

REGRESAN A ITALIA O SÁBADO 18 DE SETEMBRO

Os integrantes do proxecto 'Participando' rematan unha intensa semana chea de actividades

Xoves 16 de setembro do 2010

O venres 17 continúa a actividade cun Workshop sobre propostas de participación e pola tarde cunha sesión de avaliación e de suxestións cara o futuro. Un dos obxectivos do proxecto é que os resultados deste repercutan dalgún xeito na realidade local desenvolvendo mecanismos de participación como foros, ou avanzando incluso ata a posta en marcha dun Consello consultivo municipal da Xuventude. Os responsables dos tres concellos esperan que este partenariado continúe co desenvolvemento doutros proxectos. Por último, como peche da visita, os membros do proxecto asistirán o mesmo venres a unha actividade lúdica como é o Festival Xiria Pop na Cervexaría Dublín. Os interesados e interesadas en coñecer máis sobre esta visita, poden consultar o programa completo de actividades en pdf nesta mesma nova.

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Xuventude que dirixe Marcos Trigo, forma parte do proxecto europeo 'Participando: os concellos e a mocidade', a través do programa 'Mocidade en acción' que ten como obxectivo fomentar a participación activa dos mozos e mozas na vida da súa comunidade local, favorecendo a creación dun espírito de corresponsabilidade e a colaboración entre a xente nova e os responsables políticos. O proxecto reúne a 24 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos para reflexionar en conxunto sobre a importancia da participación a nivel local como unha ferramenta para o fortalecemento da democracia europea. Os mozos e mozas carballeses xa teñen visitado Turín no mes de xullo, mentres que agora os piamonteses de Turín e Tortona están ata o sábado 18 de setembro de visita en Carballo.

Compartir: