Inicio Carballo ao día Hemeroteca A imaxe do FIOT 2010 reflicte os enganos e...

XUNTANZA PARA CAPTAR VOLUNTARIADO: LUNS 4 OUTUBRO ÁS 20.30

A imaxe do FIOT 2010 reflicte os enganos e mentiras que serven como fío argumental da XIX edición

Luns 27 de setembro do 2010

A imaxe do FIOT ten sido unha preocupación constante ao longo dos seus 19 anos de historia e hai que subliñar que cada ano se traballa intensamente no deseño da imaxe do festival da man dun deseñador que se encarga da definición do seu sinal de identidade visual. Case desde o inicio (exceptuando a primeira edición), o responsable deste deseño é o carballés Alberto Gende, da empresa Gendestudio. Cando este creador deseñou as primeiras imaxes, era aínda un estudante de deseño gráfico, pasando despois a crear un estudo propio. Partindo da liberdade creativa do deseñador, habitualmente a imaxe do FIOT mantén unha relación directa co tema que serve de fío argumental de cada edición, de aí que este ano manteña unha relación coa mentira e engano.

Voluntariado


Por outra banda, e estando xa próxima a celebración do FIOT, os responsables do mesmo, a Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo, están ultimando a súa organización. Este evento medra cada ano e na actualidade ten un volume importante de actividades que requiren o traballo ou a implicación dun alto número de persoas para levar a cabo este programa coa calidade desexada. Dado o carácter cultural e tamén social deste evento que co afán de implicar máis ao tecido social e aos afeccionados ao teatro, iníciase unha pequena campaña de captación de voluntarios. A función destes é colaborar nalgunha das actividades do festival, realizando tarefas sinxelas que axuden ao desenvolvemento das actividades, sempre coa dirección e coordinación do persoal que traballo no mesmo ou dos membros da asociación que tamén colaboran. O grado de implicación de cada voluntario dependerá da súa dispoñibilidade, coñecementos, aptitudes e intereses.

Co obxecto de saber quen están interesados/as en participar nesta iniciativa e de explicar mellor en que consisten as tarefas de apoio, convócase ás persoas interesadas a asistir a unha reunión coa organización do FIOT. A cita é o luns 4 de outubro ás 20.30 horas no Pazo da Cultura.

Compartir: