PERMANECEN ATA O SÁBADO EN CARBALLO
Mozos e mozas do programa 'Participando' intercambian experiencias e opinións co alcalde carballés
Mércores 15 de setembro do 2010
Os mozos e mozas italianos chegaron onte e, entre outras actividades, teñen previsto, xunto cos carballeses, visitar a Oficina de Información Xuvenil da Coruña, realizar no Pazo da Cultura varios obradoiros sobre mecanismos de participación xuvenil, manter contactos cos órganos e políticos municipais, como o desenvolvido co Alcalde, ou realizar unha visita o xoves 16 pola tarde a Santiago para reunirse con membros do Consello da Xuventude de Galicia. A delegación italiana interesouse moito polas inquedanzas e actividades dos mozos e mozas de Carballo, así como polos proxectos do Concello carballés para a dinamización da Xuventude. Marcos Trigo subliñou que un dos principais obxectivos do goberno local neste eido é a creación dun Centro para a xuventude cun responsable que coordine actividades como o programa 'Participando' e outras moitas iniciativas dirixidas a mozos e mozas. O Alcalde, Evencio Ferrero, resaltou a importancia de "democratizar a vida pública" e de que a xuventude se interese por unha "política que sexa ao servizo da comunidade con valores e proxectos".
A maioría dos visitantes de Turín e Tortona non tiñan estado nunca en España, aínda que teñen unha ampla experiencia con intercambios con outros países como Malta, Hungría, Irlanda, Portugal, Turquía, Finlandia ou Eslovaquia. Entre as ideas que xurdiron durante o intercambio, falouse sobre a importancia de que a Unión Europea ofreza oportunidades aos mozos e mozas de ter unha experiencia práctica e realizar contactos persoais por todo o continente, poñendo recursos para todos os "que saben aproveitar as oportunidades que se lles ofrecen". Por último, tamén quedou a idea de que o importante non é o intercambio puntual a través da iniciativa 'Participando', senón tamén involucrar aos mozos e mozas para que sexa un proxecto estable e de continuidade que poida seguir ofrecendo oportunidades á xuventude carballesa. Así, dende a delegación italiana expresouse a idea de que "o reto é moi complexo", e consiste en que "os xóvenes de Carballo sexan cidadáns europeos como todos os demais".