CONTINÚA ABERTA A INSCRICIÓN PARA O CONCURSO DE TEATRO LIDO
A edición XIX do FIOT faise internacional coa presenza da compañía arxentina Timbre4
Martes 28 de setembro do 2010
Os integrantes da compañía Timbre4 defínense a si mesmos como "unha casa", dentro da que tamén hai unha escola de teatro que ofrece clases de interpretación. Así mesmo, dedícanse á creación de novos textos e levan recollido importantes éxitos e manteñen nestes momentos en cartel oito espectáculos incluíndo 'Tercer cuerpo'. Así mesmo, Claudio Tolcachir ten sido o responsable de obras moi premiadas, como 'La omisión de la familia Coleman', coa que saltou dos ambientes máis independentes ao circuíto comercial. En España tivo a oportunidade de presentar en Madrid 'Todos eran mis hijos', unha adaptación dun texto de Arthur Miller e cos actores Carlos Hipólito, Manuela Velasco e Fran Perea, entre outros. En 'Tercer cuerpo', algunhas das críticas afirman que "confirma a potencia e singularidade do talento dramático que xa tiña revelado en ocasións anteriores"; ou falan dun texto que "enmascara a certeza do olvido de aquilo que endexamais será aclarado".
Teatro lido
Así mesmo, hai que lembrar que continúa aberto o prazo de inscrición para o X Concurso Escolar de Teatro Lido 'Xosé Manuel Eirís', incluído no programa de actividades paralelas do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo. O concurso premiará ao grupo que realice a mellor interpretación dun fragmento dun texto teatral escollido por eles. Os grupos deberán estar compostos por entre 2 e 8 integrantes, que concursarán en dúas categorías: unha para os menores de 10 anos e outra para os maiores desa idade. Repartiranse premios por valor de 850 €. As inscricións poderanse realizar no Pazo da Cultura de Carballo, no Rexistro Xeral do concello ou por fax (981 704 302) ata o 7 de outubro. Para máis información poden chamar á Concellaría de Cultura: 981 704 300.