SUPÓN A INCORPORACIÓN DE 128 NOVAS PARCELAS DE USO INDUSTRIAL
Aprobación inicial do proxecto de reparcelación do Parque Empresarial de Bértoa
Luns 27 de setembro do 2010
Coa finalización desta primeira fase de ampliación do parque empresarial de Bértoa -que foi inaugurada este mes polo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero- súmase á superficie actual un total de 718.482 metros cadrados, 458.619 dos cales corresponden a 146 parcelas para uso empresarial -128 de nova creación- e os 259.863 metros cadrados restantes a solo de cesión, destinado a zonas verdes, viales, zonas de aparcamento e parcelas de servizos técnicos e equipamento público. A posta en marcha da ampliación do polígono industrial de Bértoa, con máis de 45 hectáreas implica que as empresas que se instalen no parque empresarial creen ata 3.000 postos de traballo nos próximos anos. O investimento total para a creación desta ampliación, coa que o polígono conta xa con 1,2 millóns de metros cadrados de superficie total, é de 25.736.341 euros, dos que case a metade destináronse á adquisición de terreos e a achega restante aos traballos de urbanización.
Respecto do resto dos asuntos da orde do día da Xunta de Goberno hai que mencionar, fóra da orde do día, a dación de conta dun convenio de colaboración entre o Concello de Carballo e o de Muxía en materia de Policía Local. Así, recóllense as condicións para que os axentes carballeses puidesen prestar servizos no Concello muxián con motivo da celebración da Romaría da Virxe da Barca celebrada entre o 10 e o 13 de setembro deste ano. Así mesmo concedéronse cinco licenzas de obra, unha licenza de apertura para actividades molestar para unha nave industrial destinada a carpintaría metálica no polígono de Bértoa, e dúas licenzas de apertura. Ademais, aprobáronse tres licenzas de obra e apertura e oito licenzas de primeira ocupación e apertura.