VENCERON AO MARISTAS E AO VALLADOLID
O Vipecón Xiria e o ABC Braga, gañadores do VII Torneo Internacional Concello de Carballo
Martes 14 de setembro do 2010
Grazas á súa superioridade, o Xiria puido gañar en cadete, pero en xuvenil a final resultou moi emocionante. Así, o domingo, no encontro da xornada de mañá que enfrontara ao Braga e ao Valladolid impuxérase o equipo luso por 29-32, o que auguraba unha final igualada, emocionante e competida. E así foi, incluso o equipo pucelano chegou a en varios momentos do partido a enxugar eses tres goles de desvantaxe que levaban do partido da fase de grupos. Finalmente foi o equipo portugués o que se proclamou campión, vencendo na final por 32-31. Na entrega de trofeos participaron José Antonio Viña, Tenente de Alcalde do Concello de Carballo, Francisco García Bello, Xerente do Padroado Deportivo Municipal, Carlos Pereira, de Ifecgás Pereira (un dos patrocinadores do Torneo e das Escolas de Balonmán Xiria), Salva Esquer (ex xogador internacional en máis de 80 ocasións coa selección española de balonmán coa que foi subcampión de Europa e medalla de bronce olímpica), técnico e directivo do CB Maristas de Algemesí, e Álex Cousillas, presidente das Escolas de Balonmán Xiria.
Hai que subliñar o nivel do torneo, con equipos como o Valladolid, moi coñecido a nivel sénior pola súa participación nas competicións europeas; o feito de que o Braga se teña proclamado campión de Portugal en categorías cadete e xuvenil; ou o traballo en categorías inferiores do Maristas de Algemesí, que quedou terceiro na fase final do Campionato de España en categoría cadete hai dous anos, e que achegou así mesmo a presencia de Salva Esquer. Desde as Escolas de Balonmán Xiria tamén queren agradecer a colaboración do Concello e o Padroado, así como o patrocinio da Fundación Deporte Galego e a Deputación da Coruña, ademais da colaboración de Conservas Calvo, Ifecgás Pereira e a Federación Galega de Balonmán. Tamén participaron no desenvolvemento do torneo Protección Civil, a Policía Local e Cruz Vermella. Os interesados e interesadas poden consultar o desenvolvemento do cadro de enfrontamentos nesta mesma nova.