EN COLABORACIÓN COA COMPAÑÍA MOFA E BEFA
A XIX edición do FIOT chega coa primeira coprodución teatral do festival: 'Un cranio furado'
Luns 13 de setembro do 2010
A obra 'Un cranio furado' esta baseada no texto 'A skull in Connemara', do irlandés Martin McDonagh, un dos autores teatrais contemporáneos de máis éxito na escea internacional. Cadaval ten realizado unha particular adaptación da proposta a Bergantiños, onde se desenvolve a versión que se representará no FIOT. Segundo explica o propio director, non é unha peza de terror, nin policiaca, nin de forenses, nin unha festa de difuntos, senón que aglutina un pouco de todo, combinándoo co característico humor negro de Mofa e Befa, xa coñecido polo público carballés, que os ten desfrutado en varias produccións. A última delas, 'Shakespeare para ignorantes' (na imaxe), representouse no marco dos Venres Culturais, pero tamén teñen visitado o FIOT tanto con teatro de sala como coa Rúa dos Contos. Neste caso, na producción participa tamén Dorotea Bárcena, á súa vez Xograresa de Outono, e o actor carballés Santi Romay.
Estes días, a Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello están así mesmo pechando cos hostaleiros as actuacións e a distribución da popular Rúa dos Contos, que xa ten adquirido co paso dos anos un importante espazo propio dentro do festival. Falta menos de un mes para que suba de novo o pano do espectáculo, que coa aposta pola producción da un paso máis cara a súa consolidación, ademais de cara a ofrecer en primicia as estreas en Galicia. O Festival Internacional Outono de Teatro celébrase en Carballo dende o ano 1992. Creouse coa vontade de encher un oco na programación teatral da provincia da Coruña, na que non abundan os festivais de teatro, e de levar a cabo unha proposta que puidera impulsar a feble estrutura teatral da comarca de Bergantiños que ata ese momento carecía de programación teatral estable. Ano a ano, foise artellando unha proposta arredor dunha intensa programación de espectáculos de compañías tanto galegas como do resto de España pero que, xa desde o seu inicio, incluíu outras iniciativas de dinamización teatral. A produción súmase, agora a estas iniciativas.