XUNTANZA SOBRE AFORRO ENERXÉTICO NO SALÓN DE PLENOS
Unha delegación do Concello de Porriño visita Carballo para examinar as últimas melloras e a xestión do sistema informático
Martes 11 de maio do 2010
Así mesmo, o Salón de Plenos do Concello de Carballo foi hoxe o escenario dunha xuntanza promovida pola Deputación da Coruña, a Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC), e o INEGA para informar aos municipios de Bergantiños sobre as medidas impulsadas por estas tres entidades para promover o aforro enerxético. A reunión contou coa presenza do Vicepresidente da institución provincial coruñesa, Pablo Villamar, do director da FAEPAC, Jesús Castro, e do técnico da entidade, Xosé Manuel Golpe, ademais do deputado provincial, Xoán Manuel Sande e representantes dos concellos da zona. Un dos obxectivos da posta en marcha da FAEPAC é o de "facer máis levadeira a factura enerxética dos concellos", en verbas de Pablo Villamar. Así, o obxectivo desta institución é o de asesorar aos concellos da provincia en materia de eficiencia enerxética para que optimicen os seus recursos, especialmente no consumo eléctrico.
A sesión serviu para ofrecer datos como que a maioría dos concellos teñen un grande descoñecemento dos mecanismos que existen para optimizar o consumo eléctrico, ou que o alumeado público soe constituír unha media dun 45 por cento do consumo enerxético dos concellos de tamaño medio da provincia e un dos gastos correntes máis elevados. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, ofreceu durante a xuntanza o punto de vista da xestión enerxética do Concello carballés, no que xa se teñen tomado medidas para analizar a nova facturación que entrou en vigor coa liberalización do servizo eléctrico, e tamén para optimizar os recursos para conseguir descontos de ata un 10 por cento nalgunhas das facturas. O gasto aproximado anual do subministro eléctrico no Concello de Carballo é de 720.000 euros, polo que "aforros dun 5, un 6 ou un 10 por cento supoñen contías elevadas", en verbas de Ferrero. Pablo Villamar pechou a xuntanza ofrecéndolle asesoramento aos municipios a un prezo reducido grazas ás subvencións e ás axudas do Inega e a Deputación canalizadas a través da FAEPAC.