NON SE REXISTROU NINGÚN PEÓN FERIDO NESTE PERÍODO
As forzas de seguridade teñen intervido en 15 accidentes de tráfico, 6 incendios e realizado 56 servizos asistenciais no mes de xaneiro
Xoves 11 de febreiro do 2010
Tamén se teñen rexistrado nove delictos contra a seguridade viaria, catro a raíz de alcoholemias positivas e cinco por persoas que conduciron sen carné. En canto ao apartado de multas, rexistráronse un total de 274, dez delas tramitadas pola Dirección Xeral de Tráfico. No que se refire a roubos e furtos (perdas inferiores aos 400 €), hai que subliñar o caso dun tirón que a Policía Local resolveu coa detención da persoa que o cometeu e coa recuperación de todo o material roubado. Tamén tiveron lugar tres roubos con violencia. Ademais, no mes de xaneiro producíronse sete detencións e nove citacións para a celebración de Xuízos Rápidos (a maioría deles por faltas). Volvendo ao tráfico, a Grúa Municipal ten retirado un total de 16 vehículos, ademais de inmobilizar dous e realizar un 'medio enganche', que se produce cando o infractor abona a multa no mesmo momento en que está actuando a grúa, cun aforro do 50 por cento no importe.
No que respecta á actividade da Policía Local, tamén hai que mencionar as denuncias por infraccións da Lei orgánica 1/92 de seguridade cidadá. Neste mes pasado rexistráronse dúas: unha tenencia de drogas, por 5 gramos de cocaína e hachís; e unha tenencia ilícita de arma branca. As dilixencias deste tipo de delictos son remitidas á Subdelegación do Goberno. Os axentes teñen recibido un total de 56 chamadas de veciñas e veciños en prol da seguridade, ademais de ter colaborado en 68 ocasións con outros servizos municipais, como a Brigada de Obras, ou en 6 ocasións cos servizos de Medio Ambiente. No que respecta ao servizo de Protección Civil, hai que subliñar a actuación do Grupo Municipal de Intervención Rápida (Grumir) nun temporal de xeo e noutro de vento que afectaron tanto ao Concello como a outros puntos da comarca. Así mesmo, colaboraron co rescate dun afogado no río Anllóns e realizaron once limpezas de vía por accidentes.