VENRES 16 E DOMINGO 18 NO PAZO DA CULTURA
O FIOT '09 continúa coa viaxe das marionetas chilenas de 'Gulliver' e o surrealismo de Sexpeare
Venres 16 de outubro do 2009
El Viaje Inmóvil conta a extraordinaria historia de 'Gulliver' a través dunha espectacular posta en escea, creada dende o mundo das marionetas e con moita maxia visual chea de humor e imaxinación. O médico Lemuel Gulliver naufraga e esperta nun lugar costa, en Liliput, país habitado por persoas diminutas e dominado pola tiranía. Os chilenos constrúen un relato descarnado da nosa sociedade e da condición humana. Esta compañía de Chile foi creada por Jaime Lorca, antigo membro da mítica La Troppa.
Pechan a fin de semana Sexpeare. 'El título de este espectáculo no es mi madre' comeza onde rematan outras historias. Marco morre traxicamente de amor e para reencarnarse debe desprenderse do recordo de Michelle, o amor da súa vida. Na súa fuxida chega ata Galicia e emprende unha odisea por un universo frío, cheo de estraños seres. A compañía madrileña volve ao FIOT co seu décimo espectáculo, adentrándose no seu universo particular de ciencia ficción, con guiños cinematográficos e surrealismo pop. Nesta viaxe cara o máis alá volven a contar coa colaboración de David Ottone, de Yllana.
Por último, hai que subliñar que esta fin de semana retómase a actividade 'Café con…', iniciada na XVII edición do FIOT. A cita é o venres 16 no Pazo da Cultura a partires das 19.00 horas co director e actor Jaime Lorca, da compañía El Viaje Inmóvil. 'Café con…' quere facilitar o contacto persoal e directo entre as compañías e o público do FIOT, para darlle a oportunidade de explicar persoalmente aos espectadores os proxectos dos seus espectáculos. Esta actividade realízase con aquelas compañías que poden compaxinar as súas montaxes coa realización desta actividade antes da representación.