PROXECTO INCLUÍDO NO FONDO ESTATAL DE INVESTIMENTO LOCAL (FEIL)
Avanzan os traballos de reforma da piscina Vila de Noia coa retirada das bancadas das instalacións
Xoves 9 de xullo do 2009
A actuación na piscina Vila de Noia é un proxecto incluído no Fondo Estatal de Investimento Local (FEIL), cun orzamento de 993.078 euros e un prazo de execución de catro meses e medio. Pretende transformar dun xeito integral estas instalacións para convertelas nun espazo de ocio e saúde para os veciños e veciñas. Entre as melloras que se emprenden, destaca a remodelación da recepción; o acondicionamento dos vestiarios actuais e a creación de seis novos para grupos e dun para monitores; a dotación da zona de baño con plaqueta antideslizante; a creación dun almacén e o traslado da sala de máquinas; ou a reforma da sala de espera para as persoas que van recoller aos usuarios e usuarias.
Tamén hai que subliñar a remodelación completa da faciana do edificio. Construirase unha nova con perfilaría de aluminio e paneis de distintas cores. Substituiranse as portas e substituiranse os acabados. Esta reforma inclúe, así mesmo, a reparación da cuberta externa, que na actualidade deixa pasar goteiras en épocas de choiva. Así mesmo, está previsto que unha axuda da Dirección Xeral de Deporte e unha achega da Deputación sirvan para reformar a sala de caldeiras e para instalar paneis solares na cuberta, o que culminará a transformación das instalacións.