FONDO ESTATAL DE INVESTIMENTO LOCAL
Principian os traballos para transformar un tramo da rúa Desiderio Varela nunha zona peonil
Martes 7 de xullo do 2009
Dende a Concellaría de Tráfico que dirixe Benedito Viña informan de que está previsto que os traballos se desenvolvan en primeiro lugar nunha das beirarrúas da vía, para proceder logo a realizalas na outra marxe da rúa para permitir o paso dos peóns mentres duren as obras e así prexudicar ao comercio da zona o menos posible. En canto ao tráfico rodado, Benedito Viña informa de que se tentará manter a vía aberta ao tráfico o maior tempo que sexa posible. En todo caso, pide desculpas polas posibles molestias ocasionadas aos veciños e veciñas.
A nova rúa peonil contará con novos servizos e mobiliario urbano (como xardineiras ou bancos) ademais dun novo alumeado. O tratamento urbanístico previsto é similar ao realizado coa rúa Coruña, con lousas tamén similares. O obxectivo deste proxecto é seguir avanzando na humanización do centro urbano, racionalizando a circulación dos vehículos e facilitando que o tránsito de peóns sexa máis doado e favoreza a actividade comercial no centro carballés. Nesta liña, o Goberno local xa ten realizado actuacións como a peatonalización das rúas Hórreo e Coruña ou a urbanización da travesía ao seu paso pola rúa Fomento.
Por outra banda, e dentro dos proxectos incluídos no Fondo Estatal de Investimento Local, o Concelleiro de Tráfico informa de que o 7 de xullo principia unha nova fase no desenvolvemento dos traballos de urbanización e dotación de servizos da rúa Muíño da capital municipal. Así, finalizados os traballos no treito que transcorre entre a Vázquez de Parga e a avenida de Ponte da Pedra, hoxe procederase ao corte do tráfico entre esta avenida e a rúa Alfredo Brañas, onde continúan as melloras da vía.