CONSERVATORIO PROFESIONAL DE MÚSICA DE CARBALLO
O Pazo da Cultura acolle a presentación da Orquestra Infantil de Corda, do Conxunto de Violíns e da Orquestra Xuvenil de Cámara
Mércores 27 de maio do 2009
A primeira das intervencións será o debut da Orquestra Infantil de Corda, unha agrupación integrada polo alumnado máis novo do Conservatorio que estuda violín, viola e violoncello. Esta agrupación comezou a formase o pasado curso académico e logo dun ano de ensaios, ofrecerán a súa primeira actuación en público. Fórmana alumnos e alumnas dos primeiros cursos de Grao Elemental e interpretarán temas populares e clásicos baixo a dirección do profesor de violoncello Juan José Otero.
A segunda agrupación que participa nesta mostra extraordinaria é o Conxunto de Violíns, que dirixe o profesor de violín e integrante do recoñecido grupo 'Luar na Lubre', Eduardo Coma. O Conxunto de Violíns intégrano alumnado de diferentes niveis de estudo musical e interpretarán dúas obras do compositor de violín francés Jacques F. Mazas.
A agrupación que pecha o concerto será a xa consolidada Orquestra Xuvenil de Cámara. Esta formación fixo a súa presentación en xuño de 2006 e dende entón foi evolucionando e incorporando novos instrumentos. Están dirixidos por Juan José Otero e o seu repertorio intégrano, para esta ocasión, temas tan coñecidos como o Canon de Pachelbel ou a tan popular Danza Húngara nº 5 de J. Brahms.