INAUGURACIÓN DO NOVO CENTRO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA
Doce candidaturas optan aos galardóns na segunda edición dos Premios Carballo Emprende
Mércores 20 de maio do 2009
Na categoría de Ideas Empresariais, o Concello concederá tres premios aos proxectos que obteñan unha maior puntuación segundo o ditame do xurado: un primeiro premio de 1.200 euros, un segundo premio de 1.000 euros e un terceiro de 800 euros. Por parte da Cámara de Comercio tamén haberá distinción para os gañadores e concederanse un primeiro, segundo e terceiro premio consistentes na cesión gratuíta dun espazo no Viveiro de empresas do polígono de Bértoa durante un período de 12, 9 e 6 meses respectivamente. No caso do Premio a Programas de Fomento da Emprendeduría, o seu obxectivo é promover a cultura emprendedora no ámbito educativo e apoiar os programas formativos para o seu fomento. Neste caso hai un único galardón.
Estes premios están enmarcados nas xornadas Carballo Emprende, que principian hoxe -20 de maio. Este foro servirá para abordar as claves da crise económica e as súas consecuencias para os empresarios, ademais de posibles solucións para superar a conxuntura actual. Ademais, no marco desta iniciativa inaugúrase o novo Centro de Promoción Económica de Carballo, un edificio municipal situado no polígono empresarial de Bértoa que centrará todas as actividades que se realicen no Concello relacionadas co mundo empresarial e que tamén servirá para coordinar as liñas de acción e os programas en materia de promoción económica. A cita é hoxe no propio edificio a partires das 19.30 horas. Os interesados e interesadas en cosultar o programa poden facelo na marxe superior dereita desta nova.