FORMACIÓN
Os alumnos do obradoiro de emprego de Carballo asinan os contratos que os incorporan ao mundo laboral
Martes 23 de decembro do 2008
O alumnado da Escola Obradoiro do Concello de Carballo iniciou o seu camiño formativo o pasado mes de xuño, e quen superaron esta primeira fase seguirán estudando nesta nova etapa en alternancia cunha práctica profesional nas especialidades de Cantería, Albanelería-Pladur, Electricidade, Carpintería de Aluminio e Xardinería. Os rapaces e rapazas da escola desenvolven a súa actividade no proxecto da Casa dos Oficios, ademais de realizar o acondicionamento de varias zonas verdes en prazas da capital municipal.
Os alumnos e alumnas que acaban de superar a súa fase formativa, recibiron os parabéns do profesorado presente no acto, e tamén do Alcalde e do Tenente de Alcalde. Durante os próximos meses, poderán desenvolver os seu traballo en diferentes puntos da capital municipal e completar a súa formación. A maioría dos participantes nas escolas obradoiro desenvolvidas no Concello de Carballo -dirixidas a menores de 25 anos- contan cunha alta porcentaxe de contratos asinados, cun índice de inserción laboral dun 95 por cento.