CARBALLO SAUDABLE
Carballo atópase entre os oito mellores proxectos de Concellos Saudables de toda Galicia
Venres 19 de decembro do 2008
Así mesmo, o Concello de Carballo participou no acto de recoñecemento dedicado a todos os municipios participantes nos proxectos, postos en marcha pola Dirección Xeral de Saúde Pública, ao longo do ano 2008. Hai que mencionar que a actividade posta en marcha polos concellos veciños de Cabana e Zas, dirixida por Loli Hortas, tamén foi seleccionada entre os oito mellores. Pero ademais de para recoñecer o labor dos participantes, a xornada tamén serviu para facer unha posta en común e unha valoración conxunta do Proxecto Concellos Saudables 2008, que contou cunha elevada participación dos veciños e veciñas.
O acto contou coa presenza da Concelleira de Sanidade de Carballo, Lourdes Rey, que recolleu o agasallo conmemorativo destinado ao Concello; do Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; do presidente da Fegamp, Carlos Antonio Fernández Castro; do Director Xeral de Saúde Pública, Ramón Medina; e da propia Conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal.