PLENO ORDINARIO DO MES DE NOVEMBRO
O Goberno saca adiante a aprobación do Plan de Obras e Servizos, que inclúe a mellora da travesía de Bértoa
Martes 25 de novembro do 2008
Durante a sesión -de preto de dúas horas de duración- tamén recibiu o visto bo por unanimidade unha moción na que se favorece a elaboración dun plan de recuperación e aproveitamento dos ríos do municipio. Esta actuación abrangue a repoboación do Rego da Balsa e do río Anllóns, a limpeza integral das correntes, ou o inicio dos trámites para a constitución dun tramo de acotado local de pesca. Así mesmo, o Goberno pedirá ante a Xunta as axudas pertinentes para poder levar a cabo estas actuacións.
Por outra banda, tamén se aprobaron por unanimidade as bolsas de estudo do curso 2008/09, por un importe de 14.797 euros, así como a Declaración Institucional do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o 25 de novembro. Recibiron así mesmo o visto bo as actualizacións ao IPC das taxas que gravan o servizo de saneamento e abastecemento de auga e a modificación puntual do PXOM para a protección integral do Pazo de Vilardefrancos.