Inicio Ano do Xestal Novas O Concello de Carballo quedou a...

O Concello de Carballo quedou a só 0,25 puntos da consecución de fondos europeos na segunda convocatoria das EDUSI

O alcalde e a concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana mantiveron hoxe unha xuntanza no Ministerio de Facenda, en Madrid, para coñecer a valoración do proxecto carballés

Martes 30 de maio do 2017

O movemento asociativo participou activamente na primeira convocatoria

O movemento asociativo participou activamente na primeira convocatoria

O Concello de Carballo quedou a só 0,25 puntos da consecución de fondos europeos na segunda convocatoria das Estratexias de Desenvolvemento Urbano, Sostibe e Integrado (EDUSI), segundo a información que ofreceu hoxe Dolores Ortiz, da Subdirección Xeral de Cooperación Territorial Europea e Desenvolvemento Urbano, ao alcalde, Evencio Ferrero, e á concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, que viaxaron a Madrid para coñecer a valoración detallada do proxecto carballés. Carballo quedou, polo tanto, ás portas, e situaríase como primeiro concello galego nunha hipotética lista de agarda.

Aínda que Evencio Ferrero e Milagros Lantes ofrecerán mañá mércores, ás 12 horas, unha explicación detallada da xuntanza e da puntuación acadada, as valoracións poñen de manifesto unha importante melloría da estratexia carballesa, que obtivo nesta segunda convocatoria un total de 64,5 puntos, fronte aos 58,5 da primeira. Ademais, non suspendeu en ningún dos apartados valorados, e mesmo acadou a cualificación de excelente, a máis alta, en dous deles.

Pero tal como manifestaba o propio alcalde cando se presentou a solicitude para a primeira convocatoria EDUSI, “á marxe de que o proxecto do Concello de Carballo sexa merecedor ou non do financiamento europeo, o goberno do BNG ten claro, en primeiro lugar, que é precisa unha reflexión conxunta da sociedade carballesa sobre a estratexia de desenvolvemento do noso concello, e, en segundo lugar, que a cidadanía ten que participar activamente na planificación, o deseño e a construción do Carballo do futuro”.

Compartir: