Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

O Nadal Pequespectacular completa unha programación lúdica e cultural á medida dos reis e as raíñas da casa

Espectáculos infantís, obradoiros, xogos, animación de rúa e moito máis para encher de espírito “navideño” as vacacións escolares

Mércores 14 de decembro do 2022 Cultura

Postal gañadora do concurso escolar, obra de Paula Andrade Valín

Postal gañadora do concurso escolar, obra de Paula Andrade Valín

A rapazada carballesa vai estar moi entretida durante as vacacións de Nadal. Podedes comprobalo botándolle unha ollada ao programa que atoparedes ao final desta nova, que recolle as actividades programadas polo Concello, grazas á colaboración entre os distintos departamentos municipais, e tamén polo movemento asociativo. O resultado: a maior oferta de espectáculos infantís, obradoiros, xogos, animación de rúa... para encher Carballo co espírito do Nadal.

Cartel gañador, de David Martínez Botana

Cartel gañador, de David Martínez Botana

Hoxe presentamos un dos pratos fortes da programación: o Nadal Pequespectacular. E a partir de mañá xoves xa poderedes mercar as entradas en www.ataquilla.com. Este ano a proposta da Concellaría de Cultura tráenos maxia, teatro e música. O día 27 teremos no auditorio do Pazo da Cultura ao Mago Rafa; o 28 desfrutaremos en familia co espectáculo Ninja, de Ghazafelhos, e o 29 bailaremos ao son de Uxía Lambona e a Banda Molona, e todas as citas serán ás 18.00 horas.

O Nadal máis cativo xa empezará esta fin de semana coa chegada de Papá Noel

Pero o Nadal máis cativo xa empezará esta fin de semana coa chegada de Papá Noel, que o sábado 17 pola mañá percorrerá as rúas máis comerciais convidado pola Concellaría de Promoción Económica. A visita continuará os días 21 e 23 polas tardes, con percorridos por distintos barrios repartindo ilusión.

A animación de rúa é un dos sinais de identidade da campaña de promoción do comercio local Este Nadal, mira por Carballo. E, así, para o día 22 tamén está programado un pasarrúas con Dixie Kings, unha banda de jazz que porá música nas rúas en dous pases de mañá e tarde. E, coa mesma filosofía, o 3 de xaneiro recibiremos a Fantoches baj con O folión do zampón, un espectáculo teatral ao máis puro estilo dos tradicionais xigantes e cabezudos.

Festa de Apego

O 23 será un dos días grandes deste Nadal, porque o Servizo de Normalización Lingüística e a Biblioteca Rego da Balsa achegan á programación unha gran cita familiar: a Festa de Apego, con actividades para nenos e nenas de cero a seis anos de idade. Contaremos o Picadiscos de MariFaltri, a Apalpadora de Iseo a Moura, un obradoiro de pegadas de animais con Senda Nova, outro de baile coa Escola do Alprende e ioga para familias con Ana Prema. Permanecede atentos/as, porque será preciso inscribirse.

Dúas semanas de xogos no mercado

Despois da fin de semana de Noiteboa e Nadal, as concellarías de Igualdade, Promoción Económica e Feiras e Mercados xuntan forzas tamén para dinamizar o mercado municipal con actividades infantís que contribúan á conciliación familiar e que supoñan, ademais, unha oportunidade para traballar en igualdade e promoción do xoguete non sexista dende unha perspectiva lúdica. Dada a excelente acollida que tiveron os obradoiros programados, ampliamos prazas! Nos próximos días abriremos unha nova quenda de inscrición para intentar dar cabida a todos os nenos e nenas que queiran participar. Do 26 ao 30 polas mañás haberá talleres de cociña, empaquetaxe creativa, customización de camisetas e elaboración de xoguetes con materiais de refugallo.

E despois de Fin de Ano e Ano Novo, de novo converteremos o mercado municipal nunha gran zona de xogos. Do 2 ao 5 de xaneiro, a planta alta acollerá obradoiros de manualidades vinculadas ao Nadal, xogos reciclados, e zonas de probas de habilidade, entre outros divertimentos para nenos e nenas que estarán dispoñibles en horario de mañá e tarde. A entrada será libre e de balde.

Cabalgata de Reis

E o día 5 pola tarde chegará a outra gran cita das vacacións: a cabalgata de Reis! Con saída ás 17.30 horas e o percorrido polas zonas habituais, e cunha gran festa infantil na carpa da Praza do Concello a partir das 18.30 horas e ata a chegada de Melchor, Gaspar e Balsatar.

Unha programación á medida dos peques da casa que se complementará co tradicional baile de Nadal para maiores organizado pola Concellaría de Terceira Idade, o programa de concertos do Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo, a exposición de beléns do mundo que inauguramos hoxe, as cabalgatas nas parroquias e todas as actividades organizadas polas entidades culturais e sociais do noso concello. Participa e vive o Nadal!

Descargas

Compartir: