Cultura

Cultura

- 2024 +
- Marzo +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
cultura@carballo.gal

FIOT31

Mofa e Befa, Tito Asorey e Xosé A. Touriñán, primeiros convidados da nova ‘Escola do espectador nas ondas’

Hoxe, ás 20.00 horas, inauguramos a exposición ‘Trinta anos de Mofa e Befa’, e mañá o mítico dúo estreará ‘Pirolíticos’

Xoves 6 de outubro do 2022 Cultura

Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo, diante do mural que lles dedicamos neste FIOT

Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo, diante do mural que lles dedicamos neste FIOT

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) dará este sábado, 6 de outubro, un novo paso para avanzar na súa aposta por favorecer e visualizar os vínculos entre o teatro, as novas tecnoloxías e os formatos sonoros e dixitais. Nace a ‘Escola do espectador nas ondas’, unha iniciativa sonora que, en formato podcast, recuperará o espírito dun dos proxectos pioneiros na formación de públicos en Galicia: a ‘Escola do espectador’.

Esta nova ‘Escola do espectador nas ondas’ recolle as inquedanzas do proxecto pioneiro posto en marcha hai anos no marco da programación do FIOT coa intención de facilitar ao público as claves para comprender ou analizar os distintos espectáculos que forman parte da programación. Neste FIOT31, o festival incorpora unha serie de encontros guiados por xornalistas especializadas en artes escénicas, que conversarán coas artistas ou compañías participantes no certame arredor de diferentes liñas temáticas. Estes encontros, que serán de acceso libre, favorecerán a creación dun novo espazo de convivencia entre público e artistas e novas vías de difusión de coñecemento, pois os capítulos resultantes estarán dispoñibles, de forma estable, a través da web oficial do FIOT, www.fiot.gal.

O crítico teatral Camilo Franco será o primeiro xornalista que guiará a conversa, que xirará arredor da creación galega e na que participarán Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira (Mofa e Befa, que abrirán este venres o Programa de Sala coa estrea absoluta de ‘Pirolíticos’, a nova coprodución do FIOT e Producións Teatrais Excéntricas), e Tito Asorey e Xosé A. Touriñán, director e intérprete de ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’, a obra do Centro Dramático Galego e Ainé Producións que pechará esta edición do FIOT o luns 31 de outubro.

A sesión, que se acompañará de petiscos e grolos para o público asistente, celebrarase no Salón Social do Pazo da Cultura de Carballo entre as 13.00 e as 14.00 horas deste sábado e a entrada será libre até completar a capacidade do espazo. Ao longo dunha hora, o grupo departirá sobre as súas novas creacións teatrais ou a situación da escena galega, entre outras cuestións. Na última parte da conversa, o público asistente poderá participar coas súas consultas a calquera dos convidados.

Cada sesión da ‘Escola do espectador nas ondas’ gravarase ao vivo e publicarase, posteriormente, a través de www.fiot.gal, Estará dispoñible no novo espazo ‘Onda FIOT’, unha das principais novidades desta edición do FIOT. Trátase dunha iniciativa dixital que recolle os arquivos sonoros das iniciativas impulsadas polo Festival Internacional Outono de Teatro nos últimos anos. É o caso do innovador proxecto FIOT Fónico (coas pezas producidas polo FIOT ‘A lúa, válvula de spray’, de Rosalía Fernández Rial, e ‘O espello que arde’, de María Lado), ou das pezas gañadoras das últimas edicións do Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís, que este 2022 celebra os seus 21 anos de traxectoria.

Inauguración de ‘Trinta anos de Mofa e Befa’

Antes da celebración desta primeira sesión da ‘Escola do espectador nas ondas’, este xoves, 6 de outubro, ás 11.00 horas, o Auditorio do Pazo da Cultura acollerá a pre-estrea de ‘Pirolíticos’. Será unha función ateigada de humor gamberro, dirixida ao alumnado dos centros educativos de Carballo, e á que asistirán máis de 300 adolescentes da comarca.

Xa pola tarde, contra ás 20.00 horas, terá lugar outro acto no que Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo -quen recollerá o galardón Xograr de Outono 2022 o vindeiro venres 7 após a función de ’Pirolíticos’- terán especial protagonismo: será a inauguración da exposición ‘Trinta anos de Mofa e Befa’, que permite evocar o percorrido dun dúo cómico desde o seu nacemento en 1992. Mofa e Befa irromperon na escena galega facendo gala do seu humor acedo, incorrecto e desafiante. Desde as Ultranoites até os principais festivais de escena, atrevéronse con todo tipo de espazos (teatrais e non teatrais) e tamén con clásicos como Shakespeare ou Rosalía de Castro. Mais hai moito Mofa e Befa por descubrir e o público poderá coñecer, de primeira man, tres décadas de humor irreverente e perralleiro. O acto, que terá lugar na Sala de Exposicións do andar -1 do Pazo da Cultura, será de acceso libre e contará coa participación dos artistas, do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e do director do FIOT, Alberto Sueiro.

A homenaxe que o festival rende ao dúo este ano co gallo do seu 30 aniversario completarase cun mural conmemorativo, realizado polo artista urbano Yoseba MP. A obra, que Calvo e Mosqueira visitaron esta mesma semana, atópase na rúa Barcelona, moi próxima ao Pazo da Cultura. O mural, realizado coa colaboración do proxecto de Arte Urbana de Carballo Derrubando Muros con Pintura -promovido pola Concellaría de Turismo- estará rematado nos vindeiros días.

CONVOCATORIAS

Xoves 6 de outubro
11.00 horas no Pazo da Cultura
FIOTeen | Preestrea de ‘Pirolíticos’ (os medios gráficos poderán tomar imaxes nos 15 primeiros minutos).

20.00 horas no Pazo da Cultura
En paralelo | Inauguración da exposición ‘Trinta anos de Mofa e Befa’. Coa participación do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o director do FIOT, Alberto Sueiro; e Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo. 

Venres 7 de outubro
22.15 horas no Pazo da Cultura | Auditorio
En paralelo | Entrega do Premio Xograr de Outono 2022 a Evaristo Calvo (após a estrea de ‘Pirolíticos’).

Sábado 8 de outubro
13.00 horas no Pazo da Cultura | Salón Social
Onda FIOT | Escola do espectador nas ondas. Con Camilo Franco, Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira, Tito Asorey e Xosé A. Touriñán.

Compartir: