Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

As Letras Galegas volven florecer nas actividades culturais que celebraremos arredor do 17 de maio

Arrincamos o 12 de maio coa posta en escena de “Libre como os paxaros”, o espectáculo máis rosaliano da compañía Teatro do Atlántico

Venres 6 de maio do 2022 Cultura

Ademais dos xardíns, que podemos ver estes días cheos de cor, en maio tamén florecen as nosas letras. Arredor do día grande da literatura galega e este ano tamén da figura de Florencio Delgado Gurriarán, en Carballo desenvolveranse actividades con forza para que todas e todos poidamos celebrar o 17 de maio como a gran festa que é da cultura galega.

O Programa das Letras reúne a oferta cultural do mes de maio, porque a través do teatro, da música, da arte e mesmo da natureza, podemos seguir fomentando o amor pola nosa lingua e pola nosa literatura. As concellarías de Cultura e Normalización Lingüística, coa colaboración do movemento asociativo e de institucións como a Deputación da Coruña, convídante a desfrutar de todas as actividades que atoparás no folleto anexo, e do que che ofrecemos de seguido algunhas pinceladas.

TEATRO, MÚSICA E MÁIS!

Arrincaremos o xoves 12 con teatro. A compañía Teatro do Atlántico representará ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, o espectáculo Libre como os paxaros, no que os textos de Rosalía de Castro están presentes nos acontecementos cotiáns da sociedade contemporánea.

Ademais desta función, na que colabora a Deputación da Coruña, en maio volven os Ratos de Lonxedetodo e estreamos o Ciclo Marusía Escénica, no que participarán, a xeito de intercambio, grupos de teatro afeccionado de Sada, Bergondo, Oleiros e Carballo. O noso concello estará representado por Vagalume Animación, que ademais de participar no ciclo intercomarcal, realizará as habituais funcións de fin de curso: 8 en total.

Tamén poderemos ver sobre o escenario aos actores e ás actrices da Aula de Teatro Municipal, que o 3 de xuño ofreceranos distintos traballos creados, individual e colectivamente, ao longo do curso.

O curso está a piques de rematar tamén no Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo, que ten preparados dous concertos para os días 13 e 27, este último coma homenaxe ao que foi director do centro Juan Otero, finado o 26 de setembro do ano pasado.

En maio volverá tamén o Curruncho Pop para seguir animando as tardes de sábado na Biblioteca Rego da Balsa, nesta ocasión cun Magín Blanco diferente.

O Programa das Letras de Carballo está composto por unha vintena de actividades ente as que tamén teñen cabida o audiovisual e a fotografía, ademais das propostas que nos achegan as asociacións Arume, que retoma os seus Encontros Culturais, ou Senda Nova, que segue desfrutando da Primavera en Ruta.

17 DE MAIO

Para o día grande, a Concellaría de Cultura ofrécenos un menú de Letras na Rúa, un programa que aglutina diversas actividades para o público adulto e familiar que se desenvolverán entre a Praza do Concello, o Xardín Municipal e a rúa Coruña (en caso de choiva trasladaranse ao Mercado Municipal). Esta é a proposta:

  • A partir das 11.00h, poderemos asistir a un contacontos da man de Caxoto, que presentará O Garoto de Ipanema, unha bonita historia sobre a vida de Florencio D. Gurriarán.
  • Á mesma hora empezará o reparto de papel e pinturas, porque chega tamén a 40ª edición do Concurso Infantil e Pintura Luís Calvo, que organiza a asociación cultural Lumieira.
  • E ás 12.00 h soará a música de Golfiños. Co espectáculo O soños dos golfiños, os máis cativos viaxarán por un mar de músicas cun repertorio moi variado, cantando novos temas e lembrando as súas cantigas de sempre. Colabora a Deputación da Coruña.
  • Como xa é tradicional, nesta xornada tamén estará presente a música, e este ano dun xeito moi relevante, xa que, á parte de contar coa intervención da Banda Municipal de Gaitas, que dirixe Jesús Moreira, e para rematar as actividades organizadas directamente polo Concello o 17 de maio, a Banda Municipal de Música de Carballo, dirixida por Javier Bardanca, interpretará o tradicional Concerto das Letras ás 13.00 horas na rúa Coruña.

FÁLAME!

Correlingua, que volve a ser este ano unha das grandes actividades arredor da lingua nos centros educativos galegos, chega a Carballo para celebrar o Día das Letras co lema Fálame!. Concertos, obradoiros, regueifas e outras actividades arredor da lingua desenvolveranse o día 18 nesta festa para centros de ensino organizada por CIG-Ensino, AS-PG e a Mesa pola Normalización Lingüística coa colaboración das concellarías de Normalización Lingüística e Cultura e da Deputación da Coruña.

Ligazóns

Descargas

Compartir: