Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

Tanxugueiras estarán este San Xoán en Carballo!

Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro actuarán o 24 de xuño na Praza do Concello

Venres 29 de abril do 2022

O clamor popular por poder desfrutar da música de Tanxugueiras no San Xoán, escoitado e compartido pola comisión de festas, permitiranos celebrar o día de San Xoán ao ritmo de Terra e de todos os temas que tan populares fixeron a Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro, sobre todo tras a súa experiencia pre-eurovisiva. Tanxugueiras ofrecerán o concerto estelar do 24 de xuño na Praza do Concello.

Pouco podemos contar que non saibades deste trío de pandereteiras que soubo darlle unha sonoridade moito máis moderna á música galega tradicional, ademais de convertela nun altofalante que utilizan na defensa da lingua e a cultura da galegas, do entendemento entre os pobos ou do empoderamento da muller.

Tanxugueiras ofrecerán o venres 24 o único concerto gratuíto que teñen previsto para o mes de xuño na provincia da Coruña. Á parte do seu recente paso pola emisión do programa de RTVE Gen Playz dende o Mercado Municipal de Carballo, será a súa segunda actuación en dous anos na nosa vila, xa que en setembro do 2021 xa formaron parte do cartel do festival Orballo Cultural.

O primeiro disco de Tanxugueiras, editado no 2018 co mesmo nome do grupo, incluía o tema “Que non mo neguen”, cuxo uso cederon ao Concello de Carballo no ano 2021 para a gravación dun vídeo conmemorativo do 8M no que participaron todas as concelleiras da corporación municipal. Con ese primeiro disco acadaron o primeiro dos numerosos premios que foron acumulando nestes últimos anos. A súa popularidade foi medrando ano tras ano, pero acadou o cumio coa súa participación no Benidorm Fest, organizado por Televisión Española para elixir o tema que representará a España o vindeiro 14 de maio en Eurovisión. Non será Terra, malia ser o preferido do público, pero os carballeses e as carballesas, e todo o público que se achegue o 24 de xuño a Carballo, terá a ocasión de escoitalo, xunto a moitos outros, no gran concerto que sen dúbida ofrecerán na Praza do Concello.

Carballo celebrará as súas festas patronais do 21 ao 26 de xuño, aínda que a semana grande de San Xoán estenderase máis alá. O 18 de xuño, como vimos de anunciar esta mesma semana, recuperamos o Rockin’, organizado pola Concellaría de Mocidade, e o domingo 3 de xullo será a tradicional Festa do Bosque. Despois de dous anos sen San Xoán, a festa volve por todo o alto, cunha comisión renovada e unha oferta musical ampla, variada e de calidade que iremos coñecendo nas vindeiras semanas xunto co resto do programa.

Compartir: