Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

PODERÁS SEGUILA TAMÉN EN STREAMING!

Todo listo para a cabalgata de Reis, que este ano percorrerá case 14 quilómetros para chegar a todos os barrios

Todo listo para a cabalgata de Reis, que este ano percorrerá case 14 quilómetros para chegar a todos os barrios

Martes 4 de xaneiro do 2022

Esteban Rostro, Evencio Ferrero, Milagros Lantes e Camilo Díaz, na presentación

Esteban Rostro, Evencio Ferrero, Milagros Lantes e Camilo Díaz, na presentación

Os Reis Magos sairán mañá en cabalgata por Carballo, fieis á súa cita anual cos nenos e nenas. Este ano ofrecerémoslles unha festa de benvida diferente á tradicional, pero moi semellante á do ano pasado. A situación sanitaria derivada da COVID-19 non permite celebrar a cabalgata como era habitual anteriormente, de xeito que non haberá paxes nin se tirarán caramelos; pero iso non impedirá que Melchor, Gaspar e Baltasar percorran as rúas da nosa vila e cheguen aos diferentes barrios.

De feito, o itinerario será máis longo ca nunca, con case 14 quilómetros de lonxitude, para evitar desprazamentos e concentracións de público, e ademais retransmitirémolo en streaming a través das redes sociais e da plataforma www.carballoenrede.com, na que, ademais de seguir a visita en tempo real, verás nun mapa por onde vai a cabalgata, para que saibas cando pasará preto da túa casa, e saberemos cantas persoas están conectadas en cada momento.

A saída está prevista para as 17.30 horas, seguindo o itinerario que podes ver no plano axunto. Os detalles ofrecéronos hoxe a concelleira Milagros Lantes, o alcalde, e os representantes das dúas empresas que colaboran na visita real: Centro Comercial Bergantiños Gadis-Híper e Grupo Dimolk. A cabalgata será posible un ano máis grazas á colaboración de moitas persoas e colectivos, como a Agrupación de Voluntarios e o Servizo Municipal de Protección Civil, a Policía Local, os Bombeiros de Carballo e a Brigada Municipal de Obras.

Como explicou a concelleira Milagros Lantes, este ano tampouco haberá recepción persoal, pero Melchor, Gaspar e Baltasar están ofrecendo unha recepción virtual a todos os nenos e nenas que o solicitan, e que xa son máis de 100. Ata antes do inicio da cabalgata, na páxina web do Concello de Carballo seguirá habilitado un enlace no que poderá facerse a solicitude ou mesmo enviarlles a carta (se alguén se despistou e aínda non o fixo) aos Reis Magos.

CARAMELOS E COCHES

Os nenos e nenas que o soliciten recibirán un vídeo dos Reis Magos

Os nenos e nenas que o soliciten recibirán un vídeo dos Reis Magos

Esteban Rostro, director do Centro Comercial Bergantiños-Gadis Híper, lembrou que o centro cumpre 20 anos, e que dende o principio colabora coa cabalgata aportando os caramelos. Este ano, dado que non se poderán tirar nas rúas de Carballo, repartiranse nos actos previstos nas parroquias de Ardaña, Sofán e Lema, onde tamén haberá cabalgatas, e Entrecruces, Cances e A Brea, onde están previstas recepcións reais.

Camilo Díaz Molk, en representación do Grupo Dimolk, destacou que Melchor, Gaspar e Baltasar poderán escoller os coches que máis lles gusten para tirar das carrozas e animou ás familias a seguir o percorrido en streaming. “A situación esixe máis prudencia, máis precaución e unha cabalgata máis reducida, e nese sentido son moi importantes as alternativas que ofrecen as novas tecnoloxías”, apuntou.

Pola súa banda, o alcalde lamentou que a situación sanitaria impida celebrar a cabalgata doutro xeito: “A todos nos gustaría que fosen unhas circunstancias de normalidade total e que os nenos puidesen desfrutar do día de Reis doutro xeito, pero non pode ser. As circunstancias obrigan á responsabilidade por parte das administracións e de todo o mundo”. Evencio Ferrero destacou que o percorrido será moi amplo para chegar a todos os barrios, “porque a todas as rúas non pode ser”, e agradeceu o apoio das empresas patrocinadoras.

Compartir: