Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

MERCEDES PEÓN IMPULSA A INICIATIVA, PRESENTADA HOXE

Nace "Somos Pandeireteiras", un proxecto que pon o foco sobre as músicas e tocadoras como eixe da transmisión cultural

Carballo acollerá o 19 de decembro unha xornada pública de encontro aberto entre músicas, compositoras e/ou tocadoras

Luns 22 de novembro do 2021 Cultura

Nace Somos Pandeireteiras, un proxecto de pensamento, articulación social e cultural que ten como obxectivo fundamental impulsar a lexitimación da representación social das pandeireteiras como centro da transmisión musical e da palabra no eido musical tradicional contemporáneo.

A iniciativa, impulsada pola artista multidisciplinar e investigadora Mercedes Peón, agroma como unha proposta colectiva na que tamén participan pandeireteiras da Asociación Cultural Rosalía de Castro (Padrón), Raigañas de Cerqueda (Malpica) e Xirifeiras (Fene). O grupo traballa en común desde o verán de 2021 co obxectivo de reflexionar sobre outras formas de vivir a música desde a sororidade e coa firme convicción de crear o seu propio relato como tocadoras.

Así, Somos Pandeireteiras pretender abrir un espazo de encontro para difundir o valor do patrimonio inmaterial galego a través da visualización, conexión e articulación das pandeireteiras da provincia da Coruña. Esta intención deuse a coñecer esta mañá no acto de presentación do proxecto, celebrado no Pazo da Cultura de Carballo, e que contou coa participación da propia Mercedes Peón, ademais das pandeireteiras Ana Fernández (AC Rosalía de Castro), Gisela Sanmartín (Xirifeiras) e Mar da Bouzas (Raigañas); que estiveron acompañadas polo alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo.

O noso concello, territorio cunha estreita e extensa vinculación coa pandeireta e coa tradición oral, converterase no mes de decembro no epicentro da actividade de Somos Pandeireteiras. Logo de desenvolver no mes de novembro diferentes obradoiros en centros educativos da provincia para achegar ás xeracións máis novas o valor da pandeireta á hora da transmisión musical e goce da vida en comunidade, o domingo 19 de decembro o colectivo organizará en Carballo unha xornada pública de encontro, aberta á veciñanza, no Pazo da Cultura.

A xornada, de inscrición gratuíta a través do sitio web www.somospandeireteiras.gal, contará cunha serie de conversas e mesas de traballo para reflexionar arredor da situación das tocadoras e comezar a construír, entre todas as asistentes, unha rede que vincule e articule as relacións das pandeireteiras da provincia da Coruña. Será un espazo aberto e interxeracional, no que participarán bergantiñás cun feixe de anos como tocadoras pero tamén outras máis novas. É o caso, por exemplo, da charla conducida pola xornalista Selina Otero, que contará coa participación de Carmen de Lema, Ermitas do Ánxelo ou Icía Varela.

Durante a mañá celebraranse catro mesas de traballo nas que se debaterá, entre outras cuestións, o rol da pandeireta e da voz, a súa representación social ou a propia función social das tocadoras e das pandeireteiras. Todas as conclusións da xornada exporanse publicamente o día 19 e posteriormente na web do proxecto grazas á colaboración das relatoras, o grupo de catro mulleres vinculadas á creación colectiva da palabra que recollerán in situ o imaxinario e perspectivas das participantes. As poetas Ana Romaní, Susana Aris, Andrea Nunes e María Reimóndez conformarán este grupo de observadoras.

Somos Pandeireteiras conta co apoio da Deputación da Coruña, que considera a iniciativa coma un proxecto singular de especial interese para a provincia da Coruña, e coa colaboración do Concello de Carballo como cabeceira de Bergantiños.

Ligazóns

Compartir: