Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

O ciclo de narración oral Rúa dos Contos abre este venres a 30ª edición do FIOT

Technocracia, unha creación que convida ao baile, será a festa de apertura do ciclo OTNI e terá lugar na noite do sábado 25 no mercado municipal

Mércores 22 de setembro do 2021 Cultura

Caxoto

Caxoto

Este venres 24 de setembro comeza a 30ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT. A súa proposta máis atrevida e retranqueira, a Rúa dos Contos, dará a saída a máis dun mes de celebración escénica. Contos, monólogos, música, humor e troula tomarán as rúas de Carballo na primeira fin de semana da man de Alba Grande, Caxoto, Pepo Suevos, Oswaldo Digón, O’Leo Arremecaghona, The Tetas Van, Brais das Hortas e Izquierdo Sisters.

A Rúa dos Contos, a programación estable de narración oral do FIOT desde hai máis de dúas décadas, é un ciclo pioneiro en Galicia que mantén desde entón, como un dos seus obxectivos, a recuperación e difusión da tradición oral, tan propia do país e por iso a proposta céntrase, desde hai anos, na programación de espectáculos galegos de pequeno formato. Nas súas últimas edicións a programación incorporou outros formatos, e nesta 22ª edición da Rúa dos Contos o programa pretende ofrecer un espazo para presentar as últimas novidades e servir de plataforma de difusión para as creacións de carácter máis informal e enfocadas a espazos non teatrais.

Neste 30 aniversario do FIOT, a Rúa dos Contos conta con catro estreas absolutas (con propostas de Caxoto, Ángela Triana, Talía Teatro e Pallasos en Rebeldía) e incorpora unha novidade na súa programación: as Noites de Troula, noites con espectáculos no Mercado Municipal con grandes humoristas que enchen recintos teatrais. É o caso de Xosé A. Touriñán (8 de outubro) ou Luís Piedrahita (12 de outubro). Completarán a programación dúas narradoras imprescindibles na narración galega actual: Arantxa Treus e Paula Carballeira.

"Technocracia" chegará o sábado 25 ao Mercado Municipal (Foto Rubén Ruibal)

Ademais da apertura con humor e retranca, o FIOT celebrará unha gran festa na que convidará ao baile. O sábado 25 o Mercado Municipal acollerá a primeira función do XI Ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) cunha proposta que conta nas súas claves con música electrónica, voz, luz e corpos en movemento. Technocracia, de Funboa Escénica, rescata a esencia das festas techno ou "raves" para desenvolver unha experiencia afectiva e sensorial como acto de insistencia e resistencia en comunidade. A peza, na que o público é parte fundamental da experiencia, aborda a festa como lugar de comuñón, como mecanismo de reprogramación mental, de ruptura co cotián ou de hedonismo físico e emocional.

O ciclo OTNI, orientado nesta edición cara a innovación escénica a través da introducción de ferramentas de transformación dixital, continuará o vindeiro 1 de outubro, co FIOT Fónico (recuperación da primeira edición, A lúa, válvula de spray, e a estrea de O espello que arde), para avanzar o 7 de outubro coa última creación de Marta Valverde e pechar os días 14 e 15 de outubro cunha experiencia virtual e presencial: Ronem Ram.

AXENDA FIOT 24-26 SETEMBRO

24.09.2021 | 17.00 horas
Biblioteca Municipal
Rúa dos Contos | Alba Grande: Contos para derreter cera

24.09.2021 | 21.00 horas 
Rúa Jacinto Amigo
Rúa dos Contos | Caxoto: Don carnal (contos desvergoñados) ESTREA ABSOLUTA

24.09.2021 | 23.00 horas
Rúa Jacinto Amigo 
Rúa dos Contos | Pepo Suevos: Humor salvaxe

25.09.2021 | 20.00 horas
Rúa Jacinto Amigo
Rúa dos Contos | Oswaldo Digón: Outra movida

25.09.2021 | 21.30 horas
Rúa Jacinto Amigo
Rúa dos Contos | O‘Leo Arremecaghona: Sé (mente de vencer)

25.09.2021 | 23.00 horas
Mercado municipal
OTNI | Funboa Escénica: Technocracia

26.09.2021 | 13.00 horas
Rúa Jacinto Amigo
Rúa dos Contos | The Tetas Van: Muller libre

26.09.2021 | 18.00 horas
Rúa Jacinto Amigo
Rúa dos Contos | Brais das Hortas: Zona de obras

26.09.2021 | 20.00 horas
Rúa Jacinto Amigo
Rúa dos Contos | Izquierdo Sisters: Galician Horror History

Compartir: