Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

O FIOT celebra a súa 30ª edición cos últimos espectáculos de Yllana, Chévere, Ron Lalá, Touriñán, Manolo Alcántara ou Talía Teatro

39 espectáculos, 11 estreas absolutas, 3 estreas en Galicia e 1 coprodución son algunhas das primeiras cifras que se presentan desta edición do festival

Mércores 8 de setembro do 2021

Organización e colaboradores/as, na tradicional foto de familia tras a presentación

Organización e colaboradores/as, na tradicional foto de familia tras a presentación

A nova edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, xa ten data de celebración: o certame escénico de referencia da Costa da Morte e do outono en Galicia festexará a súa 30ª edición entre os días 24 de setembro e 29 de outubro,  retomando deste xeito a súa habitual programación de máis dun mes de funcións e actividades na comarca bergantiñá. A deste 2021 será unha edición moi especial, na que compañías gañadoras do Premio do Público do FIOT, como Ron Lalá, Yllana, Manolo Alcántara ou Talía Teatro, ou  artistas queridos como Touriñán, Chévere ou Voadora, entre outros, regresarán a Carballo para celebrar tres décadas do fortalecemento, activación e espallamento da escena galega.

O FIOT decorrerá desde o venres 24 de setembro cunha chea de propostas para todos os públicos, pois o certame recuperará as diferentes liñas de programación que conforman o festival: Programa de Sala, OTNI, Teatro de Rúa, Rúa dos Contos, Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado ou FIOTeen volverán encher de actividade escénica os recintos e o espazo público de Carballo. Nun ano de celebración, ademais, súmase unha nova liña, o FIOT en ruta, que nace co obxectivo de descentralizar a actividade polo territorio.

A 30ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro abrangue unha programación interesante e diversa, na que se coida tanto a presenza de propostas innovadoras e arriscadas, ou de novas linguaxes artísticas ou de creación contemporánea así como pezas enfocadas ao novo circo e público familiar; un programa que se completará con iniciativas de mediación ou achegamento do feito artístico, as nomeadas actividades complementarias coas que se expande o proxecto. Serán unha ducia de propostas que darán boa conta da implicación de multiplicidade de axentes e do dinamismo do festival.

En total, o FIOT contará con 39 espectáculos, dos cales 11 serán estreas absolutas: O espello que arde, de FIOT e Lidiss; A parábola do angazo, de Talía Teatro; Foot, de Fran Rei; Don Carnal (contos desvergoñados), de Caxoto; Desta sairemos mellores, de Ángela Triana; e as seis pezas finalistas do V Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, que se representarán en seis puntos do municipio carballés os sábados 8, 16 e 23 de outubro. Ademais, o certame acollerá tres estreas en Galicia de espectáculos que están a xirar por escenarios da península: Solo un metro de distancia, de Serena Producciones; e a versión tanto presencial coma virtual da última creación da compañía Onírima Mecánica, Ronem Ram (que é Mar Menor ao revés), unha instalación que pon de manifesto a situación de emerxencia ecolóxica na que se atopa o seu ecosistema.

Precisamente a innovación para a superación das dificultades e a incorporación de novas linguaxes e formatos da cultura dixital ás artes escénicas é unha das claves deste FIOT30, no que tamén se abordará, desde a súa programación, unha reflexión: como seguir vivindo e como construír o futuro. A pandemia puxo de manifesto a fraxilidade física, de sistemas sociais e económicos e do planeta, confrontando co futuro do medio ambiente e, en consecuencia, co dos seres humanos. Esta base temática, acompañada de cuestións como as violencias machistas, a soidade ou a visualización da muller é o relato sobre o que agroma o FIOT 2021, no que o certame subliña o seu compromiso coas inquedanzas sociais e a relevancia da cultura para a superación de catástrofes como a pandemia vixente. O humor, a comedia como xerador de discurso, será a principal vía para abordar estas temáticas, en compañía doutros xéneros e disciplinas. Así, no FIOT haberá drama social, teatro clásico, musical, xestual, circo, teatro físico, teatro de obxecto, baile ou teatro sonoro: por segundo ano consecutivo, o festival producirá o FIOT Fónico, unha sorte de experimentación sonora na que conxuga as artes escénicas e o espazo público coas novas tecnoloxías.

Mes e medio de programación

A Aula de Teatro Municipal participou cunha peza preparada especialmente para o acto

A Aula de Teatro Municipal participou cunha peza preparada especialmente para o acto

O FIOT comezará o vindeiro 24 de setembro coa Rúa dos Contos, a liña de programación estable de apoio á narración oral. Figuras como Xosé A. Touriñán, Caxoto, Paula Carballeira, Ángela Triana, Izquierdo Sisters, Oswaldo Digón ou Luis Piedrahita estarán en Carballo nunha edición na que a Rúa dos Contos acollerá 4 estreas absolutas e visitará a rúa Jacinto Amigo, o Mercado municipal, o Espazo Xove Carballo, o Casino 1889 ou mesmo o Salón de Actos do Pazo da Cultura.

Tamén na primeira fin de semana do festival comezará o ciclo OTNI, a liña dedicada á investigación e achegamento a as novas linguaxes e formatos escénicos. O inicio será un convite á festa: Technocracia, creación da compañía galega de danza Funboa Escénica. Tamén no marco deste ciclo, FIOT afondará na experimentación escénica cunha iniciativa propia, o FIOT Fónico. O certame producirá unha nova ficción sonora na que a escenografía será o propio espazo público de Carballo e que o público poderá seguir a través dos seus dispositivos móbiles. A peza O espello que arde afondará nas posibilidades que as ferramentas tecnolóxicas poden ofrecer ás artes escénicas. E o propio ciclo OTNI tamén dará a coñecer propostas que fan uso delas, como Ronem Ramunha instalación que se poderá ver no Pazo da Cultura e que denuncia a situación ambiental do Mar Menor, así como na súa versión virtual, nomeada RonemRam.0.

Na segunda fin de semana do festival, o sábado 2 de outubro, comezará o Programa de Sala no Pazo da Cultura. Será unha programación conformada por sete compañías e artistas con identidade propia, entre as que se atopan algunhas que recibiron, no seu momento, o Premio do Público. É o caso de Ron Lalá, Yllana ou Cía. Manolo Alcántara, quen será responsable de abrir os espectáculos de sala o 2 de outubro con Déjà Vu, Premio Fetén 2021 á adaptación de técnicas circenses á nova dramaturxia. Ao longo do mes, polo Pazo da Cultura tamén pasarán a compañía galega de teatro de vangarda Voadora, co seu Othello; Contraproducións, con Cigarreiras -que estarán en residencia no mes de setembro en Carballo-, Nueve de Nueve con Con lo bien que estábamos (Ferretería Esteban), un dos éxitos máis salientables da tempada escénica; e Serena Producciones con Solo un metro de distancia, cuxa estrea en Galicia terá lugar neste FIOT30.

Apoio á creación e expansión polo territorio

O apoio á creación, a investigación e ao tecido cultural emerxente é unha das claves do FIOT, e este ano estará presente, alén do FIOT Fónico, coa celebración de tres residencias no Pazo da Cultura (Contraproducións, Talía Teatro e Marta Valverde) ou mesmo co certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, que na súa quinta edición ofrece seis estreas absolutas de artistas e compañías de Galicia. Son pezas site-especific que se realizarán en 6 puntos do espazo público de Carballo e que se dirixirán a todo tipo de públicos. Tamén, como é habitual, FIOT terá presente as novas xeracións. A programación conta con espectáculos de novo circo dirixidos a público infantil e familiar no Teatro de rúa; e co FIOTeen, o programa para as e os adolescentes da comarca, que se desenvolverá nas últimas semanas de outubro.

Mais un dos obxectivos principais do festival foi sempre o de expandir a actividade escénica, coa creación e acompañar novos públicos, implicando á veciñanza (que este ano tamén participa na campaña de difusión do festival, tanto no vídeo coma na serie de carteis). Por iso, neste aniversario, FIOT aposta pola descentralización da actividade escénica e incorpora novas sedes: os centros sociais das parroquias de Cances e Berdillo, que acollerán actuacións de grandes compañías da escena galega (Berrobambán e Chévere) no marco do FIOT en ruta.

Xunto á programación de espectáculos, FIOT situarase como un espazo de encontro para públicos, compañías e axentes culturais grazas o seu programa de actividades paralelas. Así, durante o mes de outubro, o festival celebrará unha ducia de iniciativas, como os encontros das compañías co público nos Café con..., a Escola do Espectador, o Certame de Teatro Lido, presentacións de libros ou encontros profesionais e, como non podería ser doutro xeito, o recoñecemento a unha figura clave da escena galega: a Xograresa de Outono 2021, Silda Alfaro.

Nos vindeiros días o festival activará a venda dun número limitado de bonos tanto para os espectáculos de Rúa dos Contos coma do Programa de Sala. Unha vez finalice este período de venda, abrirase a venda de entradas individuais para todas as liñas de programación que precisen de billetes para o acceso ao recinto. Toda a información estará dispoñible, nos vindeiros días, na web oficial do Festival Internacional Outono de Teatro: www.fiot.gal.

Ligazóns

Descargas

Compartir: