Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

O Interplay trae a Carballo o humor máis activista e disidente da Internet española

O Interplay trae a Carballo o humor máis activista e disidente da Internet española O festival de Contidos Dixitais xuntará do 8 ao 11 de setembro en Carballo a Carolina Iglesias, Victoria Martín, Henar Álvarez, Perra

Mércores 25 de agosto do 2021

A 8ª edición do Carballo Interplay traerá a Galicia, do 8 ao 11 de setembro, unha coidada selección do humor máis activista e disidente da Internet española. O Festival de Contidos Dixitais pon o foco sobre os proxectos que empregan a rede como unha ferramenta para mellorar o mundo e sobre aquelas propostas que se apoian no humor para abordar asuntos como as relacións de parella, a saúde mental, a loita contra o machismo ou polos dereitos do colectivo LGTBI.

Un dos pratos fortes deste Interplay post-pandémico será o show que ofrecerán tres das cómicas máis relevantes do panorama estatal actual -Henar Álvarez, Carolina Iglesias e Victoria Martín- o venres 10 ás 22h no Pazo da Cultura de Carballo. A guionista, cómica e comunicadora galega Carolina Iglesias (Oleiros, 1993) é unha vella coñecida do festival. Volve ao Interplay para "rajar" sobre o divino e sobre o humano coa súa compañeira e socia, a xornalista, guionista e colaboradora de televisión e radio Victoria Martín de la Cova (Madrid, 1989), despois de gañar o Premio a Mellor Serie con Válidas a pasada edición, na que tamén lle ofreceron ao público do festival un episodio especial do seu exitoso podcast Estirando el chicle. Acompañaralles neste show único -que se poderá ver en ao vivo, previa retirada das entradas, e por streaming- unha das voces máis visibles e persoais da comedia actual, Henar Álvarez (Madrid, 1984), que actualmente presenta Buenismo bien (Cadena Ser), xunto a Quique Peinado e Manuel Burque, e que ten un longo percorrido como guionista e presentadora de radio e televisión: dirixiu un programa de radio con Leticia Dolera na Ser, escribiu crónicas feministas en El Confidencial, foi guionista de Hoy por hoy e presentadora dos programas de televisión Likes e Las que faltaban (Movistar +).

Xusto antes, o mesmo venres día 10, outros dous todoterreos do humor intelixente, David Pareja e Lorena Iglesias, ofrecerán a súa particular visión da Pochosfera, un completo repaso polos momentos penosos da internet no que non faltarán bloopers de vídeos de ASMR, manosphera ou deepfakes de famosos derretidos.

E, ao día seguinte, chegarán Esnórquel e Perra de Satán co seu podcast ¿Puedo hablar! onde cada semana analizan, co seu particular humor e sen censura, cuestións como a saúde mental, os seus corpos, a política, a cultura, o ligoteo, o sexo, a depresión... e moita televisión dos noventa. Esnórquel será, tamén, o encargado de ofrecer o seu Código Fonte Audiovisual, un percorrido por vídeos de youtube de alcance queer que marcaron a súa adolescencia na aldea e na universidade, de xeito paralelo ao seu crecemento como "maricón pintao".

A internet de mudar as cousas

Internet parece un espazo onde agroman os comportamentos tóxicos, favorecidos por uns misteriosos algoritmos que multiplican o seu alcance entre unha sociedade debilitada e fácil de alporizar. A rede hai tempo que deixou de ser un espazo de utopías para albergar algunhas distopías con graves consecuencias do outro lado das pantallas. Nun espazo gobernado polos clics, os likes e a sobreexposición continua, hai espazo para os discursos disidentes? Como se combaten os discursos de odio? Cales son as claves para xerar espazos de seguridade?

O Carballo Interplay falará sobre Activismo na rede con Pol Andiñach (Vilassar de Mar, 1991), coordinador do colectivo de xornalistas Cuellilargo e autor do libro Todo el mundo puede ser antifa. Manual práctico para destruir el fascismo (2021); con Laura Tabarés (León, 1991), membro do colectivo de produción cultural especializado en virtualidade e programas educativos con perspectiva feminista Ontologías Feministas; e con parte da colectividade millennial Proyecto UNA, que investigan sobre as guerras culturais de poder nos medios, Internet e a realidade analóxica.

E, sen perder de vista o papel do humor no activismo e na disidencia, o festival conversará de Humor, precariedade xeracional e ilustración coa viñetista, cómica e creativa Anastasia Bengoechea (Barcelona, 1982), Monstruo Espagueti; coa ilustradora e humorista Violeta Navas Ortega (Granada, 1994), La Prados; e coa viñetista Roberta Vázquez (Santiago de Compostela,1989), autora do cómico ¡Socorro! coa editorial Apa Apa.

Compartir: