Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

"A FESTA LEVÁMOLA DENTRO"

A descentralización dos actos e a aposta pola música local caracterizan un San Xoán marcado pola pandemia

Tal como estaba previsto, a Concellaría de Festas organizará actividades de pequeno formato durante a Semana Grande

Sábado 19 de xuño do 2021 Cultura

Aínda que non podemos celebrar o noso San Xoán ao xeito tradicional, a Concellaría de Festas, asumindo o compromiso adquirido cando se anunciou a suspensión das festas patronais, decidiu organizar unha serie de actividades de pequeno formato coincidindo coa Semana Grande de Carballo.

Por unha parte, dende o departamento que dirixe Maruxa Suárez considerouse que, dada a boa evolución da pandemia dende o punto de vista sanitario, mesmo referendada coa decisión do Goberno do Estado de levantar a obriga do uso de máscaras en espazos exteriores a partir do sábado 26, Carballo merecía desfrutar dun San Xoán diferente ao do ano 2020. Nese sentido, agardouse ata o último momento para coñecer as posibilidades de programación, sempre co criterio de máxima seguridade fronte á COVID-19.

Dende o Concello de Carballo pretendemos que o San Xoán non perda a súa capacidade de dinamización económica a través, fundamentalmente, dos sectores da hostalaría e o comercio. Nesa liña enmárcanse as campañas “A festa levámola dentro” e “Máis de Carballo que o pan”, que están en marcha nestes momentos, con moi boa acollida tanto entre o público como entre os 114 establecementos participantes. De feito, na primeira mañá xa se repartiron no Museo de Bergantiños 70 kits compostos por unha bolsa de tea, unha chapa e un imán, que se reservan para os tiquets de compra iguais ou superiores a 30 euros, e varios establecementos esgotaron as postais en menos de 48 horas.

Para seguir apostando pola economía local, este ano optamos por un San Xoán “100% made in Carballo”, dende o traballo creativo das campañas de dinamización comercial ata a oferta musical da que vos convidamos a gozar nos vindeiros días.

ESTA É A NOSA PROPOSTA!

  • Martes 22 de xuño. Tradicionalmente, o 22 é o día do pregón. E este ano tamén o vai ser, aínda que cun formato diferente. Se o tempo o permite, a actividade celebrarase ás 20:30 horas na Praza do Concello, coa participación de Sergio Varela, presidente da comisión de festas; Maruxa Suárez, concelleira de Festas, e Evencio Ferrero, alcalde de Carballo. Como tamén é tradición, a Banda de Música Municipal ofrecerá o seu concerto de San Xoán. Por se o tempo non acompaña, temos un plan B, que se dará a coñecer, se é preciso, a véspera.
  • Xoves 24. A partir das 20:00 horas, primeiro dos Concertos A Festa Levámola Dentro, que terán como escenario as pistas deportivas do Chorís. Nesta primeira sesión participarán os grupos carballeses Chicharrón, Tu futura ex-mujer e Lowcos.
  • Venres 25. Segunda tarde-noite de concertos con Quercus Blues e Elvis Negro.

A elección das pistas do Chorís facilitará o control de accesos, dado que se trata dun recinto pechado perimetralmente, e permitirá garantir as medidas de prevención do coronavirus. O público estará sentado en cadeiras numeradas, repartidas en varias zonas-burbulla, e será obrigatorio o uso de máscara.

Ao mesmo tempo, a descentralización das festas permitiranos poñer a proba un novo modelo de San Xoán que, de cara aos vindeiros anos, conte con escenarios repartidos polos distintos barrios urbanos. Nese obxectivo tamén se enmarca a colaboración do Concello de Carballo nos concertos que organiza Orballo Cultural para a fin de semana do 26 e o 27 na Milagrosa.

FLORES E CACHELAS

As festas, aínda que este ano optemos por un programa de mínimos, contarán con algúns dos ingredientes máis tradicionais do noso San Xoán. Despois do éxito que acadou o ano pasado, convocamos a segunda edición do concurso en redes sociais “Flores de San Xoán”.

Para participar, do 20 ao 25 de xuño envíanos unha foto da túa porta, ventá ou balcón decorados con flores e plantas tradicionais de San Xoán a comunicacion@carballo.gal e encheremos as redes de cor! Entre todos/as os/as participantes sortearemos xantares ou ceas para desfrutar na hostalaría local.

E entre as tradicións máis arraigadas non podemos esquecer as cachelas, que este ano tamén terán que celebrarse con limitacións. Lembra a importancia de respectar as recomendacións sanitarias de non superar os grupos de 15 persoas ao aire libre, pero tamén as medidas de seguridade co lume. Toda a información que precisas para organizar a túa cachela con seguridade atoparala aquí.

Compartir: