Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

A tradicional cabalgata dos Reis Magos polas rúas de Carballo tamén se retransmitirá en streaming para evitar aglomeracións

Os nenos e nenas do noso concello poderán solicitar do 1 ao 5 de xaneiro, a través da páxina web www.carballo.gal, unha recepción virtual con Melchor, Gaspar e Baltasar

Xoves 31 de decembro do 2020 Cultura

Os Reis Magos non están afectados polos peches perimetrais, pero deben cumprir as restricións derivadas da COVID-19, e por iso deben adaptar a súa visita a Carballo á situación sanitaria que estamos a vivir.

O principal obxectivo da Concello de Carballo é garantir a vosa seguridade, e por iso a cabalgata do 5 de xaneiro que estamos organizando dende a Concellaría de Cultura será un pouco diferente. Melchor, Gaspar e Baltasar realizarán o seu tradicional percorrido por Carballo, que este ano será máis longo do habitual e pasará por máis rúas para achegarse ao maior número de nenos e nenas e evitar desprazamentos. No caso de que queirades ver a cabalgata a pé de rúa tede en conta que é importante manter a distancia de seguridade e evitar concentracións, pero este ano queremos pedirvos que, na medida do posible, a sigades dende as ventás ou a través das redes sociais do Concello. Por primeira vez, a visita das Maxestades de Oriente será retransmitida en directo a través da canle de YouTube do Concello de Carballo, das páxinas de Facebook do Concello de Carballo e Cultura Carballo e tamén a través da páxina web www.carballoenrede.com, na que, ademais de ver as imaxes do percorrido, poderedes ver cantas persoas están conectadas nese momento e por onde vai circulando a comitiva real, e así saber cando está chegando á vosa rúa.

A cabalgata arrincará ás 17.30 horas, cun percorrido que daremos a coñecer o mesmo día 5 pola mañá a través da páxina web www.carballo.gal. A comitiva será máis reducida do habitual, sen paxes nin caramelos, pero contará coa participación e a colaboración da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, o Servizo Municipal de Protección Civil, a Brigada Municipal de Obras, o Parque de Bombeiros e o Grupo Dimolk, que cede os vehículos que transportan as carrozas reais.

Recepción virtual

Ademais de impedir o reparto de caramelos, as medidas de prevención fronte á COVID-19 tamén aconsellan evitar a recepción persoal. Pero non vos preocupedes, porque este ano Melchor, Gaspar e Baltasar ofrecerán unha recepción virtual a todos os nenos e nenas que o soliciten. Con esa finalidade, na páxina web do Concello de Carballo estará habilitado un enlace dende o día 1 ata o mesmo día 5 no que poderá facerse a solicitude ou mesmo enviarlles a carta (se alguén se despistou e aínda non o fixo) aos Reis Magos. Permanecede atentos e atentas ás nosas redes sociais. Agardamos que, máis ca nunca, esta noite de Reis se fagan realidade os vosos soños!

Compartir: