Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

O Carballo Interplay ofrecerá un concerto de Verto, ao vivo e por streaming

O festival celebrará do 18 ao 21 de novembro unha VII edición "híbrida"

Venres 23 de outubro do 2020 Cultura

Verto son Alberto Mira e Fernando Peleteiro

Verto son Alberto Mira e Fernando Peleteiro

A versión "híbrida" da VII edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que se celebrará os días 18, 19, 20 e 21 de novembro na capital bergantiñá atendendo ás restricións dictadas polas autoridades sanitarias, comeza a coller forma. E faino amosando e impulsando o talento dixital galego, como leva facendo dende a súa primeira edición.

O Carballo Interplay cumpre este complicado 2020 sete anos de vida, convertido no festival de contidos dixitais máis importante do Estado sen descoidar o seu compromiso coa cultura do país. Un concerto e unha entrevista co grupo revelación na escena musical galega, Verto, que poderán gozar ao vivo unha cantidade limitada de persoas  -atentendo ás restricións sanitarias- pero que moitas máis persoas poderán ver tamén en streaming, serán dous dos pratos fortes deste Carballo Interplay "híbrido". Verto son dous estudantes de medicina -Alberto Mira e Fernando Peleteiro- que en menos dun ano conseguiron converter o seu proxecto musical pop divertido e desenfadado nun referente para a mocidade do país. Aínda que o seu público se concentra na rede, o punto de inflexión da súa exitosa carreira foi a estrea do hit Oie Gayego no Luar da Televisión de Galicia. Ademais do concerto e da entrevista con estes novísimos creadores, o festival tamén ofrecerá, en directo e a través da rede, un menú degustación dos mellores podcast galegos, seleccionados por Isaac González, e un percorrido polas etapas e xeracións do Youtube galego, da man de Miguel Silva Conde (aquel-e).

Dende o seu nacemento, unha das inquedanzas fundamentais do festival foi xerar espazos e sinerxias que favorecesen a creación de novos contidos audiovisuais para a rede feitos en lingua galega. Hai catro anos, o Interplay subiu a aposta e creou o Premio a proxectos de webseries en versión orixinal galega para incentivar de forma máis activa a creación de contidos en galego adaptados ás novas formas de consumo. Grazas a esta convocatoria, viron a luz series tan coñecidas e recoñecidas como Peter Brandon, Hai vida en Bran e Sígueme e verana en menos dun mes as gañadoras da pasada edición -Amnesia 3.0 e Xan- que se estrearán no festival.

O Premio a proxectos de webseries en versión orixinal galega chega á súa quinta edición cunha xeitosa colleita de proxectos, entre os que un xurado composto por Alfonso Zarauza, Lorena Iglesias, Antón Varela e María Yáñez elixirá a webserie gañadora. Entre as finalistas hai unha proposta de animación, unha miniserie documental e dúas ficcións, unha dramática e outra cómica.

Vídeos

Compartir: