600 escolares dos centros de primaria carballeses asistiron á representación de “Carabela”
A Concellaría de Cultura convidou aos nenos e nenas de 3º e 4º cursos a dúas funcións da última montaxe da compañía local Galeatro
Venres 31 de xaneiro do 2020
![](../media/img/carabela_(1)_800x460.jpg)
Despois da multitudinaria estrea do día 19, Galeatro regresou coa súa nova montaxe, “Carabela”, ao auditorio do Pazo da Cultura, desta volta para ofrecer dúas representacións para o alumnado de 3º e 4º cursos dos centros de primaria carballeses. En total, 600 nenos e nenas.
A compañía carballesa colleitou un novo éxito e recibiu moitísimos aplausos pola súa fermosa historia, coa que trata de sensibilizar á cativada sobre o grave problema ambiental que supón o uso masivo de plástico. Carabela, a protagonista de historia escrita por Paula Carballeira, e a cociñeira dun barco que naufraga na Illa Pequena de Plástico. Soa, rodeada de peixes mutantes, de paxaros que non paran de queixarse de ter comido substancias sintéticas e de lixo, constrúe unha nena de plástico á que lle conta historias do mundo que hai fóra da Illa Pequena de Plástico, e que será a que lle axude a saír dela antes de morrer de fame.
![](../media/img/carabela_(2)_800x460.jpg)
“Carabela” está interpretada por Alba Bermúdez, Tone Martínez e Davide González, que tamén é o director da obra e o autor da música. Se tés nenos/as maiores de 4 anos, non desaproveites a próxima ocasión para velos en acción. Paga moito a pena!