Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

Teatro, música, cine, fotografía e artes plásticas encherán este inverno os nosos "Venres Coolturais"

O alcalde, o concelleiro de Cultura e o director da Agadic presentaron a programación

Xoves 9 de xaneiro do 2020 Cultura

Unha trintena de actividades de teatro, música, cine, fotografía e artes plásticas. Dentro do programa de sala dos venres, o Pazo da Cultura acollerá catro espectáculos infantís do ciclo “En familia”, catro espectáculos de teatro para adultos e dous concertos (todos, co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic, salvo o Rock Carballo): Carabela, de Galaeatro, o domingo 19 de xaneiro; O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia, o venres 7 de febreiro; Lambetadas, de Talía Teatro, o domingo 9 de febreiro; o festival Rock Carballo, o venres 28 de febreiro; Invisibles, de Redrum Teatro, o 6 de marzo; El efecto boomerang, concerto de Silvia Penide, 0 venres 13 de marzo; Paio e o poder da música, de Oviravai, o domingo 15 de marzo; Curva España, de Chévere, o venres 20 de marzo; Liberto, de Marelas Producións, o venres 27 de marzo; e Artequina, de Os monicreques de Kukas, o domingo 29 de marzo.

O prezo da entradas é de 3 e 4 euros, segundo o espectáculo (prezo reducido de 2 e 3 euros para maiores de 60 anos, estudantes con carné de estudante e menores de 18); e o dos bonos, de 15 euros (10 o bono de prezo reducido). Poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo o mesmo día da función, desde 90 minutos antes do inicio.

Dentro das propostas cinematográficas, Carballo acollerá, por terceiro ano, o ciclo ‘Amal en ruta’ cunha selección de seis longametraxes (catro ficcións e dous documentais) do mellor cine árabe. Proxectaranse (na Biblioteca Rego da Balsa e no Pazo da Cultura; entrada libre e de balde ata completar aforo) estas cintas: Soufra, o 16 de xaneiro; Sky and ground, o 17 de xaneiro; Makaf, o 23 de xaneiro; Look at me, o 24 de xaneiro; Youmeddine, o 30 de xaneiro; e Capharnaum, o 1 de febreiro. Organizan o Concello e a Fundación Araguaney-Puente de Culturas.

Ademais, os “Venres Coolturais’ darán espazo no Pazo da Cultura (entrada tamén libre e de balde ata completar aforo) ao ciclo de documentais galegos ‘Mundos silenciados’, unha aproximación ao mellor do cinema documental galego a través de catro títulos que, desde perspectivas moi diferentes, nos achegan a realidades ou mundos silenciados que aínda viven no pasado, seguen presentes só na nosa memoria ou son vividos individualmente. Contaremos coa presenza dos directores ou membros dos equipos, que presentarán os filmes e participarán en coloquios cos asistentes. As cintas que gozaremos son: Pedrón no Freixo, o 13 de febreiro; Esquece Monelos, o 27 de febreiro; Hamada, o 12 de marzo; e Idénticas, o 26 de marzo.

O programa complétase coas exposicións Homes e mulleres de sal e ferro, de Xesús Búa, do 15 de xaneiro ao 16 de febreiro (fotografía); Territorio acoutado, de Olga Patiño e Carlos Lorenzo, do 20 de febreiro ao 22 de marzo (poesía e fotografía); e a mostra do XVI Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo, do 5 ao 29 de marzo. Todas poderán visitarse no Pazo da Cultura.

Ademais, con A través da lente o Concello quere difundir as artes da imaxe e audiovisuais con outras propostas como a convocatoria do XXII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís e un ciclo conversas fotográficas, no Pazo: A reportaxe fotográfica: historia dun desengano, por Nacho Romero, o 5 de febreiro; Fotografía e pintura: inimigos íntimos, por Fran Martínez, o 4 de marzo; e A fotografía, ventá ao insólito, por Vari Caramés, o 1 de abril.

Presentación

A programación dos ‘Venres Coolturais’ presentouse hoxe no Pazo da Cultura nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e Jacobo Sutil, director de Agadic.

“Aínda que a denominación xenérica é ‘Venres Coolturais’, dixo Marcos Trigo, “o noso programa cultural deste inverno no se circunscribe só a ese día, senón que haberá actividades os domingos, os xoves e practicamente todos os días”. O concelleiro debullou logo polo miúdo as propostas do ciclo e agradeceu a presencia no Pazo do responsable da Axencia Galega das Industrias Culturais.

Jacobo Sutil defendeu a estreita colaboración que manteñen en favor da cultura “dúas administracións que teñen colores políticos distintos, como son a Xunta e o Concello de Carballo, pero iso é irrelevante para os obxectivos, neste caso comúns, que ambos perseguimos”.

O director de Agadic salientou que a programación de sala dos ‘Venres Coolturais’ é “enteiramente galega, o cal lle engade un plus máis ás nosas funcións de fomentar a cultura propia; e niso o Concello de Carballo é un gran exemplo de colaboración en propostas tan importantes como o Outono de Teatro, Primavera en danza ou Carballo Interplay: son moitos os proxectos que nacen en Carballo e aos que estamos encantados de prestarlle atención na Xunta de Galicia”.

Evencio Ferrero: "Varias das propostas dos ‘Venres Coolturais’ poderían formar parte de calquera festival de vangarda"

Evencio Ferrero falou da amplísima oferta cultural que ofrece o Concello de Carballo ao longo de todo o ano. “Sempre é grato presentar ciclos de tanta calidade”, engadiu, “É certo que hai eventos que magnifican todas esta programación, como poden ser o FIOT ou o Carballo Interplay, pero tamén é certo que varias das propostas dos ‘Venres Coolturais’ poderían formar parte de calquera festival de vangarda; non se trata de ofrecer unha programación de mantemento durante todo o ano, senón de facer unha programación de calidade, con estreas como, neste caso, a de Carabela, dos carballeses Galeatro, Alba e Toné, que seguen levando o nome de Carballo por toda Galicia grazas á rede de Agadic”. O alcalde rematou agradecéndolle ao departamento de Cultura que sempre “estean con esa sensibilidade especial para que Carballo siga sendo un referente e que a programación que se manteña en Carballo sexa unha programación que respecte por riba de todo parámetros de calidade”.

Ligazóns

Descargas

Compartir: