Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

Blas Cantó ofrecerá o 25 de xuño un dos dous grandes concertos do San Xoán de Carballo

O gañador de “Tu cara me suena” no 2017 presentará o seu novo disco, “Complicado”, na Praza do Concello

Xoves 16 de maio do 2019 Cultura

Blas Cantó naceu para ser unha estrela, e moi pronto poderás comprobalo en Carballo. O gañador de “Tu cara me suena” no 2017 estará na Praza do Concello o 25 de xuño para ofrecernos un dos dous grandes concertos das festas de San Xoán. Será ás 23.00 horas e de balde, para que todo o mundo poida gozar dun dos artistas do momento.

Non hai máis que botar unha ollada á súa traxectoria para comprobar que a capacidade vocal e a versatilidade que o caracterizan sobre o escenario véñenlle de serie. Aínda que se deu a coñecer ao gran público como un dos solistas da boy band máis famosa do noso país, a súa voz xa comezou a soar nos estudos de televisión hai agora case dúas décadas.

E é que a Blas Cantó Moreno (Murcia, 1991) vímolo medrar na pequena pantalla desde que gañara, con tan só oito anos, o seu primeiro concurso televisivo no famoso Veo-Veo, presentado por Teresa Rabal. Pero o seu gran salto á fama veulle da man da banda española Auryn (2009-2016), integrada por cinco mozos que en apenas sete anos lograron colleitar grandes éxitos de ventas e unha lexión de fans (as “auryners”), como ben puidemos constatar no concerto que ofreceron en Carballo con motivo das festas de San Xoán 2015. Ao ano seguinte, o grupo decide separarse e os seus compoñentes continúan as súas carreiras en solitario.

O cantante murciano regresa á televisión pola porta grande para participar na 5ª edición de “Tu cara me suena”, o concurso de imitacións máis famoso do país do que se proclamou gañador indiscutible grazas á mestura de talento, capacidade, esforzo e versatilidade que pon en todo o que fai. Tras unha semifinal de récords, na que obtivo a máxima puntuación do xurado e do público, o 3 de marzo de 2017, coincidindo co lanzamento do seu primeiro sinxelo In your bed, foi elixido vencedor do concurso grazas a imitacións maxistrais como a de Marc Anthony, Nino Bravo ou Freddie Mercury, que ademais de valerlle o recoñecemento de público e crítica, outorgáronlle o pase directo como xurado á edición número 7 do programa.

Desde entón, o nome deste polifacético artista non deixou de soar dentro do panorama musical convertendo en éxito todo o que toca ou, polo menos, todo o que lanza ao mercado. Ao seu segundo sinxelo “Drunk and Irresponsible” uniuse un terceiro, “Él no soy yo”, e o seu maior recoñecemento musical cun disco de ouro e de platino e máis de 51 millóns de reproducións no vídeo-clip oficial de Youtube, ademais de ser número 1 na lista de Los 40 Principales. Como non podía ser doutro xeito, á semana de publicar o seu disco “Complicado”, ao que pertencen estes e outros temas como “No Volveré” (a seguir tus pasos), xa era número 1 de vendas en España.

A esta carreira de vertixe, chea de grandes éxitos musicais e unha voz inconfundible, sigue sumando novas habilidades e facetas ocultas, tanto para o público como para o propio artista. Unha delas é a de actor cómico, que xa ten amosado en varias ocasións durante a súa visita ao programa da TVG, “LandRober Tunai Show”. E a última e máis sorprendente é a de actor de dobraxe, poñendo voz ao villano Lou en “Ugly Dolls: Extraordinariamente feos”, a nova película de animación de Kelly Asbury, o director de films tan coñecidos como “Shrek 2” ou “Spirit, el corcel indomable”.

Está claro que nada se lle resiste a este murciano de habilidades infinitas e eterno sorriso. Así que preparádevos porque este San Xoán chegará a Carballo disposto a seguir sorprendéndonos e sumando novos éxitos. E non temos ningunha dúbida de que o conseguirá.

Compartir: