Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

"Nosaltres" e "Gente Hablando" conquistan o palmarés do VI Carballo Interplay

"As cousas do Choio" conseguiu o premio a mellor serie en galego e "Tarde Baby", o de mellor serie internacional

Luns 8 de abril do 2019 Cultura

A sexta edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que converteu durante unha semana a vila coruñesa na capital da cultura dixital global, pechou o telón este sábado coa gala de entrega de premios ás mellores webseries dun concurso pioneiro que xa é todo un referente e que este ano recibiu máis de 200 propostas de todo o mundo. Nosaltres e Gente Hablando, dúas series con tintes dramáticos que se alonxan do canon cómico habitual, conquistaron tanto ao público como ao xurado do festival, composto por Manuel Bartual, Christian Flores, Natalia Flores, Marta Piñeiro e Daniel D. García.

Nosaltres fíxose co premio á mellor serie estatal e cos de mellor dirección, para María Medinilla e Roger Grau, e mellor actriz, para Paula Jornet. Esta webserie, que aborda en capítulos duns 10 minutos de duración temas capitais para a mocidade como o acoso, a relación coa familia, a amizade, o racismo ou as redes sociais, non só pretende entreter e crear un vínculo coa historia senón que persegue un obxectivo "claramente pedagóxico", polo que está realizada coa supervisión de profesores de secundaria e bacharelato. Prodúcea a Fundación Montblanc, con financiamento da plataforma de ocio Atrápalo Social, e os capítulos poden verse na páxina web www.fundaciomontblanc.orges, onde tamén se poden descargar unidades didácticas que buscan fomentar o diálogo e o debate en clase.

O concelleiro Xosé Regueira, na gala de clausura

O concelleiro Xosé Regueira, na gala de clausura

Gente Hablando, que recolleu o premio do público, unha mención especial do xurado e os premios ao guión, para Álvaro Carmona, e ao mellor actor, para Ramón Barea, é unha serie de autor na súa formulación, guión e dirección producida por Flooxer, a plataforma de contidos dixitais de Atresmedia. Cada episodio de 10 minutos inclúe unha conversa entre dúas persoas, sempre distintas, tentando parecer naturais. No reparto, destacan nomes como Miki Esparbé, Verónica Echegui, Juanra Bonet, Manuel Burque, Marian Hernández, Rosario Pardo, Celia de Molina, Ramón Aguirre ou os propios Ramón Barea e Álvaro Carmona.

O premio á mellor serie internacional foi para a comedia arxentina Tarde baby, no que Malena Pichot e Charo López retratan un futuro post-apocalíptico no que tentan sobrevivir a base de alfajores caducados, venerando á tenista Gabriela Sabatini e falando de temas intranscendentes ata que se decatan que, no medio deste caos, existe un paraíso feminista. Pichot e López recolleron o premio despois de conquistar o venres pola noite ao público que ateigou o auditorio do Pazo de Cultura de Carballo co seu espectáculo de humor feminista.

O premio á mellor serie en versión orixinal en galego acadouno o videoblog As cousas do choio, protagonizada por Juan O Choio, un octoxenario do rural e mariñeiro de toda a vida que se convirte en youtuber e ofrece, dende o seu alpendre, consellos de supervivencia en clave de humor a todos aqueles que queiran aprender da súa sabedoría. O xurado quixo, tamén, facer unha mención especial para o documental Cativos na cociña, que ofrece os produtos e receitas da Galicia enxebre a través da ollada dun cativo.

O concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, tamén participou na entrega de premios

O concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, tamén participou na entrega de premios

xurado novo, composto por Carlota Añón Varela, Uxía García Jiménez e Sandra Romero García decidiu pola súa banda outorgar o seu premio á segunda temporada da comedia musical Mambo, de David Sainz, que tamén se fixo co premio á mellor campaña de difusión on-line. Mentres que o premio ao mellor "Dinosaurio" foi para Beti, de Séver Producciones.

Compartir: