Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

O FIOT entra no Pazo da Cultura da man de La Tristura, unha das compañías españolas con máis proxección internacional

A Rúa dos Contos, unha nova Sesión no Mercado Municipal e o Fiotiño completan a programación da fin de semana

Mércores 3 de outubro do 2018 Cultura

Las Antonias, nunha actuación no Pazo da Cultura

Las Antonias, nunha actuación no Pazo da Cultura

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) non dá tregua e chega á súa segunda fin de semana con novos espectáculos na Rúa dos Contos, o inicio do teatro de sala e un programa especial para os máis pequenos, o Fiotiño.

As primeiras citas serán o venres na Rúa dos Contos. Ás 21.00 horas estará na Cervexaría Ágora Lois Pérez co seu espectáculo Historias da fronteira, unha mestura de humor e tradición oral. As risas continuarán cun imprescindible da Rúa dos Contos, Cándido Pazó, ás 23.00 horas na Cafetería Valle Inclán co monólogo Como cho conto, un rosario de historias e contos sobre cousas cotiás que parecen mentira.

Sábado

O sábado 6 de outubro terá lugar unha nova sesión de Teatro de Rúa ás 20.00 horas na Praza do Concello, onde o grupo Erori interpretará Cair Circo: malabares, acrobacias, caídas e coreografías perseguindo un maletín.

O sábado tamén terá lugar unha actuación no Mercado Municipal. Ás 21.30 horas o dúo arxentino Sutottos ofrecerá Inestable, que destaca polo seu humor e sinxeleza. 

O sábado tamén continuará a Rúa dos Contos, nesta ocasión no Pub O Patacón ás 24.00 horas cun espectáculo musical interpretado por Las Antonias, que presentarán Boleros e outras delicias, cun repertorio de temas moi coñecidos aos que as artistas dan unha visión moi persoal.

Domingo

A xornada dominical comezará cunha nova representación da Rúa dos Contos ás 13.00 horas, na Cervexaría A Bombonera, a cargo de La Mosca Valiente, que substitúe aos madrileños Chanson Mor'món debido a que un dos seus compoñentes debe permanecer inmobilizado tras sufrir un accidente de tráfico.

Imaxe de

Imaxe de "Future lovers", a proposta de La Tristura

Ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, a compañía madrileña La Tristura estreará en Galicia a obra Future Lovers, unha oportunidade única para que o público poida ver a unha das compañías de teatro contemporáneo máis importantes de España e con gran proxección internacional. Future Lovers abre unha ventá á vida dos mozos nacidos arredor do ano 2000, representando un sincero retrato sobre a xeración dos "millenials". Un fermoso espectáculo entre a realidade e a ficción, contundente e próximo ao público.

Future Lovers presenta unha coidada escenografía e, segundo a crítica, «é un espectáculo que non podes perder se tes 17/18 anos ou se tes fillos destas idades». Esta obra inicia o ciclo de teatro de sala porque a xuventude é un dos eixos da 27ª edición do FIOT.

Noite branca: o Fiotiño

Os máis pequenos tamén teñen o seu propio programa: O FIOTIÑO.

Un ano máis terán a oportunidade de coñecer os segredos do teatro e vivir unha experiencia inesquecible e moi enriquecedora arredor do mundo máxico da escena. O Pazo da Cultura acollerá un mini campamento no que participarán 25 nenos e nenas de 6 a 12 anos. Coñecerán como é un teatro por dentro, participarán en divertidos obradoiros e mesmo crearán unha pequena obra de teatro. Os pequenos pasarán unha noite de teatro, xogos, sorpresas e contarán coa presenza duns convidados moi “espaciais”.

Ligazóns

Compartir: