Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

A Praza dos Libros bateu este ano o seu récord absoluto de vendas cun total de 16.200 euros

“Carballo na memoria” foi, con diferenza, o título máis solicitado polo público adulto

Luns 9 de xullo do 2018 Cultura

O domingo houbo moitísimos visitantes na Praza dos Libros

O domingo houbo moitísimos visitantes na Praza dos Libros

Desde esta fin de semana os estantes das casas carballesas teñen que soportar un pouco máis de peso, porque, malia o auxe dos formatos electrónicos, as vendas de libros en papel baten récords na nosa Praza dos Libros. Este ano facturáronse un total de 16.200 euros nas nove casetas instaladas no Xardín Municipal, o que supón a cifra máis alta desde que Carballo implantou o seu propio formato de feira, no ano 2008.

Xan Fraga foi o autor máis solicitado

Xan Fraga foi o autor máis solicitado

Unha vez máis, os números reflicten que o formato funciona. Segundo os datos facilitados polas librarías participantes, este ano vendéronse máis de 1.200 exemplares. Carballo na memoria lidera o top de vendas. O libro de Xan Fraga arrasou en case todas as casetas, sobre todo na da editora Phottic, e o carballés foi tamén un dos autores que máis sinaturas e dedicatorias realizou.

Contra todo iso. Un manifesto rebelde, foi outra das obras máis demandadas. O seu autor, Manuel Rivas, é un habitual da Praza dos Libros, na que vén participando con frecuencia desde a primeira edición. No ano 2008 tamén fora un dos autores máis cotizados con Os libros arden mal.

Pero nin Manuel Rivas pode competir coa literatura (e a música) infantil. Os libro-discos presentados ao longo da feira por Pablo Díaz, Mamá Cabra, Pakolas e Paco Nogueiras trunfaron tanto en público nos concertos de presentación coma nas peticións de mamás e papás nas casetas.

A literatura en galego manda, un ano máis. Dos máis de 1.200 exemplares vendidos, aproximadamente o 60% foron títulos en galego, fronte ao 40% en castelán. Entre estes últimos, as preferencias do público son moito máis variadas.

A carpa quedou pequena en todas as actividades infantís

A carpa quedou pequena en todas as actividades infantís

A valoración dos establecementos participantes é moi boa. Ademais de amosar o seu interese seguir participando na Praza dos Libros, destacan positivamente diferentes aspectos organizativos. O concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, resaltou a boa aceptación da feira entre os libreiros e libreiras e a elevada asistencia a todas as actividades paralelas.

Ao longo dos catro días realizáronse unha vintena de actividades. A nova e moderna carpa quedou pequena en todos os espectáculos infantís, pero tamén en moitas das presentacións e no pregón de Sés. O domingo foi multitudinario e voaron o moletes de pan, que sempre teñen moi boa acollida, ao igual que as latas de atún que se entregaron o xoves con cada compra. Este ano, ademais, cada compra foi recompensada cun marcapáxinas cun rasca con 500 premios directos, que tamén tiveron moi boa acollida.

Compartir: