Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

SAN XOÁN 2018

Zen Garden ofrecerá o sábado 16 xuño o mellor tributo a U2 na Praza do Concello de Carballo

Seguimos coñecendo o amplo e variado cartel musical que nos ten preparado a comisión de festas

Sábado 19 de maio do 2018 Cultura

Só a maxia do San Xoán podía conseguir que a mellor banda tributo a U2 do mundo estivese en Carballo. Será na noite do sábado 16 de xuño cando o grupo italiano Zen Garden, considerado pola crítica como o clon da lendaria banda irlandesa, suba ao escenario da Praza do Concello para ofrecer un espectáculo sen precedentes. Con pechar os ollos abondará para imaxinar ter en directo ao mesmísimo Bono e aos seus inseparables músicos interpretando With or without you  ou I still haven’t found what I’m looking for. Vestiario, repertorio, maquillaxe e unha coidada posta en escena, que roza a perfección, son as claves para lograr unha réplica exacta dunha das formacións máis aclamadas da historia da música.

Tras emocionar ao público de medio mundo, con máis de 1.000 concertos e 15 anos de traxectoria profesional, os integrantes de Zen Garden chegan dispostos a emocionarnos e facernos gozar dunha noite inesquecible na que non faltarán grandes clásicos como Beautigul Day, One ou New Year’s Day, últimos éxitos como Vertigo e Magnificent e algúns temas de Songs of innocence.

Estatura, indumentaria, amabilidade e, sobre todo, sentimento e paixón sobre os escenarios converten ao cantante e líder da banda, Zeno Sala, no perfecto xemelgo de Bono, co que o parecido físico é máis que razoable. Unha afección que acabou converténdose nun ilusionante proxecto cuxo obxectivo non é imitar senón poñerse na pel de cada un dos compoñentes da mítica banda. Pero o estilo de U2 está presente tamén no resto de integrantes do conxunto italiano. Matt (guitarras), Luca (baixo) e Kim (batería) son capaces de reproducir con absoluta fidelidade o son dos músicos orixinais, The Edge, Adam Clayton e Larry Mullen, respectivamente. Nunha recente entrevista confesaban que o segredo do seu éxito non se debe a ningunha fórmula maxistral senón á súa capacidade para sentir e transmitir. “É necesario saber os sentimentos que agocha cada canción e as condicións nas que foron escritas”, comentaban.

Para quen comparte a paixón polo son máis xenuíno da banda irlandesa, os concertos de Zen Garden constitúen a experiencia máis próxima aos auténticos directos de U2. E este San Xoán teremos o privilexio de comprobalo e gozar dun show de dúas horas de duración, que forma parte dunha xira internacional coa que están a encher os grandes escenarios de todo o mundo. Se non queres perder a ocasión de coñecer en persoa á mellor banda tributo a U2 do mundo, agardámoste o 16 de xuño na Praza do Concello de Carballo.

Vídeos

Compartir: