Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

O Carballo Interplay acollerá a estrea da webserie en galego "Hai vida en Bran?"

O Interplay vén de seleccionar os catro proxectos finalistas da nova edición do premio: Sígueme, Áureas, unha historia dos anos 20, Premios Darwin e Cativos na cociña

Venres 23 de marzo do 2018

Dende a súa primeira edición hai xa cinco anos, unha das inquietudes fundamentais do Carballo Interplay foi xerar espazos e sinerxias que favorecesen a creación de novos contidos audiovisuais para a rede feitos en lingua galega. O Interplay é hoxe un punto de referencia fundamental para a creatividade dixital e, dentro del, a creatividade dixital en galego sempre tivo un papel relevante: polo CIPpasaron (e seguen a pasar) webseries como Poetarras, Fame ou Teño unha horta en San Sadurniño e iniciativas como Youtubeir@s. Con todo, en 2016 o festival subiu a aposta e creou o Premio a proxectos de webseries en versión orixinal galega para incentivar de forma máis activa a creación de contidos en galego adaptados ás novas formas de consumo.

O primeiro proxecto gañador daquela primeira edición, Peter Brandon, acaba de gañar o Premio Mestre Mateo á mellor webserie. E o segundo, Hai vida en Bran? estrearase o 5 de abril ás 21h, no propio festival. O auditorio do Pazo de Cultura carballés acollerá a proxección dos tres primeiros capítulos desta comedia con tintes dramáticos que dirixe, escribe e protagoniza a coruñesa Ángela Andrada con produción de Macondo Prod. Acompáñaa un equipo novísimo formado por Pastor Rodríguez, Cristina Mariño, Daniel Celester, Gonzalo Faílde, Maite Vilar, Benigno Suárez e Ewa Jabukowska, e conta tamén coa colaboración de caras ben coñecidas do audiovisual galego, como Isabel Blanco, Monti Castiñeiras ou Cris Iglesias.

Na serie, que pretende “cambiar o rumbo do audiovisual rompendo estereotipos”, cóntase a historia de Mariña, unha licenciada en Belas Artes que, despois de fracasar no seu intento de abrirse paso no mundo do cómic, volve á casa da súa nai na pequena e aburrida vila de Bran. Alí, sen cartos e en plena crise dos 25, comeza a traballar na tenda da gasolineira e combate a soidade e o tedio coa creación dun novo cómic inspirado polo seu glam rock do seu idolatrado David Bowie. Isto desbordará por completo a súa imaxinación e faralle experimentar Bran doutra maneira.

Ángela Andrada, formada no Instituto de Cine de Madrid e que agarda a estrea da súa primeira longa como guionista, retrata en Hai vida en Bran? a Xeración Xabarín: rapaces e rapazas cos soños rotos, aos que se prometeu que chegarían lonxe e que agora se atopan diante dun futuro incerto. Un pouso dramático que se compensa co humor e a forte presenza musical desta serie gravada en Celas de Peiro (Culleredo) e na Coruña.

Finalistas a mellor proxecto de webserie en galego

O Carballo Interplay convoca tamén este ano, por terceira vez, o Premio a mellor proxecto de webserie en galego que fixo posible Hai vida en Bran?e, na súa edición anterior, Peter Brandon, recén galardoada cun Mestre Mateo. As catro propostas finalistas amosan unha gran variedade de xéneros e enfoques, e implican dende profesionais con traxectorias relevantes a estudantes de audiovisual que se lanzan a producir.

Este último é o caso de Síguemecreada polos estudantes da USC Nuria Cancela, Alba Pego, Laura Pose e Aitor Ramos. Nesta intriga psicolóxica con reminiscencias de Mindhunter, Elisa Sánchez Sedes dará vida a unha moza psicóloga expulsada da universidade pola súa crítica á psicoloxía convencional que decide continuar clandestinamente o seu estudo. 

Pola súa banda, en Áureas, unha historia dos anos 20continúase no formato webserie o traballo levado a cabo no proxecto escénico Áureas, que combina música e teatro a través de personaxes de ficción. Fon Cortizo, Javier Álvarez e Alexandre Cancelo forman o equipo técnico, mentres as actrices e músicas Ailén Kendelman, Areta Bolado, Isabel Mouzo, Marina Vigo, Valentina Alonso e Cris Márquez forman o elenco, recentemente recoñecido as da Panadaría, xa que están de actualidade por gañaren os María Casares.

Esta conexión coas artes escénicas é común a Premios Darwin, unha comedia baseada no espectáculo de Carmen Conde arredor das mortes absurdas sucedidas en Galicia, combinando dúas cousas tan da terra como a narración oral e o culto á morte. No equipo destaca a presenza de Guillermo Arias-Carbajal na dirección e de caras coñecidas como a de Isabel Blanco, a cantante Nastasia Zürcher e os Porco Bravú no reparto.

A cuarta serie finalista, Cativos na cociña, cambia de tercio e entra no territorio da non-ficción: un neno de cinco anos, Antonio, mudou coa súa familia dende o Perú do seu pai ata o Grove, terra da súa nai. Alí descubre unha nova paisaxe, pero sobre todo os sabores da cociña galega. Tita Portela e Fred Fuentes anímannos a acompañalos nestas aventuras.

Estes catro proxectos finalistas defenderán a súa webserie nun pitching público, diante dun xurado formado por Alberto Fernández Torres (subdirector de contidos e transmedia de RTVE Digital), Maya Nieto Maidagán (directora dixital en Globomedia), José Pereira (director da Área de Innovación e Negocio da CRTVG), Xose Regueira (concelleiro de Promoción Económica de Carballo) e Sonia Méndez (directora do Carballo Interplay). O gañador recibirá 1.500 euros para a realización dos tres primeiros episodios da serie, que se estreará no VI Carballo Interplay.

Compartir: