Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

Esta semana, concerto de luxo en “Novembro con Música” co grupo de música antiga 1500

A prestixiosa formación estará o venres 24 en Carballo para ofrecernos un relato musical sobre Pero Pardo de Cela no centenario das Irmandades da Fala

Luns 20 de novembro do 2017 Cultura

O programa de concerto do Grupo de música antiga 1500 propón, no ano da conmemoración dos 100 anos da creación das Irmandades da Fala, unha volta atrás do mito á esa realidade tan interesante, complexa e intensa da historia da Galicia da segunda metade do século XV. Partindo dunha adaptación e contrafacta do Pranto pola Frouxeira, sobre música de Juan del Encina, de comezos do século XVI, preséntanse uns bloques que pretenden recrear musicalmente diversos aspectos dese intre histórico no que viviu e foi protagonista destacado Pero Pardo de Cela. 

A prestixiosa formación actuará este venres 24, ás 21 horas, no auditorio do Pazo da Cultura. A entrada é libre ata completar aforo e de balde. O concerto O Mariscal forma parte do programa Novembro con Música, organizado polo Concello de Carballo, e que conta neste caso coa colaboración da Deputación da Coruña. 

Aparecerán os principais poderes daquela, a igrexa e a nobreza, a chegada do arcebispo Fonseca á mitra compostelá e a forte revolta dos nobres contra esta en 1458, as revoltas dos Irmandiños en 1466, a intervención do poder real e a persecución, cárcere e execución de Pardo de Cela. O relato musical estará acompañado do relato dunha narradora que, a través de pequenos textos introdutorios, axudará a contextualizar axeitadamente as pezas que se interpretarán, que serán composicións dos máis destacados autores e cancioneiros musicais da época, como son o Cancionero da Biblioteca Colombina, Cancionero Musical de Palacio ou o Cancioneiro de Elvas, entre outros.

Daquela o público escoitará dende pezas cun contido máis simbólico ata outras que directamente apuntan a feitos que sucederon naquela época, ou valores que estaban presentes no imaxinario dos principais protagonistas. A prisión de Pardo de Cela, os xogos cruzados de lealdades ou a fe relixiosa terán así a súa contrapartida en pezas como un Ave Maris Stella, o “romance do prisioneiro” Por mayo era por mayo ou a peza Lealtat, o Lealtat.

Unha década de experiencia

O grupo de música antiga 1500 ten unha experiencia de máis dunha década na elaboración deste tipo de programas temáticos, nos que se mestura o elemento histórico e musical para artellar un programa coherente, cun contido que vai máis alá do mero goce estético da música. Froito desta preocupación e coidado foi escollido no ano 2006 para acompañar coa súa música o documental O Mariscal no que, por vez primeira musicouse, adaptando unha peza da época, o Pranto pola Frouxeira.

Compartir: