Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

JOSÉ LÓPEZ "JOLOPE", FOTÓGRAFO QUE EXPÓN NO PAZO DA CULTURA

"Carballo é un lugar que me gusta moito visitar porque é unha cidade tranquila, agarimosa, e porque teño a oportunidade de acercarme a Razo e surfear"

A mostra "A rapa das bestas" pode visitarse ata o 17 de decembro, de 17 a 21 horas, no andar -1

Xoves 16 de novembro do 2017 Cultura

Jolope, co concelleiro Marcos Trigo, na apertura da exposición no Pazo da Cultura

Jolope, co concelleiro Marcos Trigo, na apertura da exposición no Pazo da Cultura

Os premios (entre 1985 e 2017) ocupan case cinco páxinas no currículo de José López, Jolope (Touro-A Coruña 1950). Mestre de profesión e autodidacta afeccionado á fotografía desde os 15 anos, nos 80 intensificou esa afección coa asistencia a cursos, charlas e actividades formativas con profesionais de prestixio. Logo de gañar en cinco ocasións o Premio Especial Carballo do Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, o fotógrafo volve ao Pazo da Cultura para presentar a exposición "A rapa das bestas", que reúne 22 imaxes captadas nos curros de Amil (Moraña), Candaoso (Viveiro) e Sabucedo (A Estrada). Pode visitarse ata do 16 de novembro ao 17 de decembro no andar -1 do Pazo da Cultura.

-Cinco dos seus numerosísimos premios gañounos en Carballo. Que sensacións ten ao visitar un Pazo da Cultura que debe de ser xa case media casa súa?
-
O dos premios é un pouco aleatorio, pero en Carballo os xurados tiveron a ben concedermos en cinco ocasións. Carballo é un lugar que me gusta moito visitar porque é unha cidade tranquila, agarimosa, e porque teño a oportunidade de acercarme a Razo e surfear, como fixen mesmo esta mañá. A praia de Razo deume, ademais, un premio internacional importante como o de Fotocam, por iso estoulle sempre agradecido a Razo e, por extensión, a Carballo.

-Explícanos un pouco como artellou esta exposición.
-Trátase de 22 fotografías sobre a rapa sacadas en varios lugares e varios curros. Intentei facer un relato cronolóxico dos acontecementos máis importantes que acaecen nun curro, desde a chegada das bestas ata que se fai a rapa. As fotos que podemos ver no Pazo foron tomadas para o festival de fotografía iNstantes, que se fai en Avintes, en Portugal. Alí (aquí non están exactamente organizadas dese xeito) expúxenas agrupadas de catro en catro: catro en cor, catro en branco e negro, catro en cor... Reflicten o día no curro, desde a besta rinchando, ou pode que rindo, ata o pelotón do curro ou a loita de garañóns, un caso este moi especial porque non o contemplara en ningures, non sendo en Viveiro. Outra imaxe pouco común (a única nesta exposición) é a que ilustra un marcado a ferro, costume que xa se vai perdendo pola presión dos grupos animalistas. Neste sentido eu non busco a polémica: limítome a tomar a fotografía daquilo que me amosa a realidade; neste caso, un curro; noutros, un acontecemento deportivo, artístico ou de carácter étnico o tradicional.

-Que foi o que o chamou da rapa para querer fotografala?
-Fíxeno, primeiro, por deformación profesional. Fun mestre de escola e todo o que é a tradición, os costumes galegos, sempre me chamaron a atención. Paseando polo monte co cámara na zona de Iriote, no Barbanza, asistín accidentalmente a unha sorte de curro (máis unha simple xuntanza de bestas para marcalas), e iso pareceume moi interesante para a fotografía pero tamén para o coñecemento dos meus alumnos. Ese encontro espertoume o desexo de afondar na rapa coas miñas fotografías.

-Cando decide empregar a cor ou cando o branco e negro?
-
A cor pídenma a propia pelaxe das bestas e dos cabalos, así como todo o que acontece no curro, que para min é imprescindible resaltar. O branco e negro é moi vistoso, moi atractivo, pero tamén moi difícil de dominar. Escenas como o marcado a ferro son máis expresivas en branco e negro; creo que en cor non darían tanto xogo. No caso da loita de garañóns ocorre o contrario: queda moito máis resalta en imaxes a cor. Ou na fotografía do rincho da besta, que en algúns catálogos aparece en branco e negro pero que é moito máis gráfica en cores porque aprécianselle esas manchas nos dentes, case como se os tivese picados e precisase ir ao dentista.

-Logo dunha traxectoria tan longa como a súa, que lle gustaría ou que lle queda por fotografar?
-
Aínda estou aprendendo, na vida como na fotografía. Fotografei moitas cousas, pero agora interésame moito a técnica de longas exposicións. E estou empezando a facer algunha cousiña por aí; botando man de filtros, non do photoshop, erguéndome cedo... Tamén teño outro proxecto, que aínda non quero desvelar, dentro da tradición popular, da tradición artesanal de Galicia. Creo que un proxecto moi bonito, moi interesante e suxestivo. E un dos mellores lugares para expoñelo sería Carballo.

Descargas



Galería

Compartir: