Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

O FIOT 2017 incrementa a súa aposta pola creación e por novos espazos como o Microteatro Metro Cadrado

O programa inclúe 34 obras, 3 coproducións, 7 estreas absolutas e 7 estreas en Galicia

Sábado 2 de setembro do 2017

O Concello de Carballo e Asociación Cultural Telón e Aparte presentaron este venres, no Pazo da Cultura, o programa oficial e a imaxe da XXVI edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), que se celebrará entre o 22 de setembro e o 28 de outubro, e que conta cun pequeno anticipo para os máis cativos o 16 de setembro, data na que terá lugar a estrea absoluta de Muiñada, da compañía local Galeatro, e unha das coproducións do FIOT 2017.

O cartel deste ano ofrece 34 obras, 3 coproducións, 7 estreas absolutas e 7 estreas en Galicia nas modalidades de programación de sala, Ciclo OTNI, Rúas dos Contos, Microteatro e Fiotiño. Isto compleméntase con actividades paralelas como a Escola do Espectador, o Café con, o Teatro de Rúa, a exposición Zoom FIOT, o Dálle un Bocado e diversos obradoiros de participación. A presenza internacional está representada por compañías e artistas procedentes de Reino Unido, Bélxica e Portugal.

Este ano o festival ten entre os seus principais eixos a creación artística, xa que participa en tres coproducións, todas elas cun carácter moi diferencial. Así, con Muiñada, acompaña no seu primeiro gran proxecto á primeira compañía profesional de Carballo, Galeatro. No segundo caso, colabórase cunha compañía de fóra de Galicia da que o festival fai un seguimento desde hai anos, Atresbandes, que representará La última cena. E a terceira é Fillos do sol, da man de Contraproducións, cuxo equipo é un incondicional do FIOT e que este ano presenta un proxecto moi vinculado á comarca de Bergantiños, xa que conmemoran o centenario do falecemento de Eduardo Pondal, para o que tamén se conta co soporte da Fundación que leva o nome do poeta galego.

Nesta edición os organizadores tamén apostan de forma decidida polo apoio aos creadores emerxentes, o que se traduce na aparición de novos formatos como o Certame Microteatro Metro Cadrado (M²), que estende o teatro a outros espazos fóra de sala e busca novas vías e discursos para chegar a un espectro máis amplo de público.

Grandes referentes no corazón do teatro en Galicia

O auditorio do Pazo da Cultura de Carballo acollerá algúns dos directores teatrais de referencia do momento na escena española, como Pablo Messiez, Alfredo Sanzol, Yayo Cáceres, Mario Gas e Miguel del Arco. Entre os galegos, destaca o dramaturgo e director de referencia Cándido Pazó, así como Tito Asorey, un dos directores que está destacando nos últimos anos na nosa comunidade. Todos eles traen varias das estreas absolutas e das inéditas en Galicia que inclúe o programa desta edición.

O OTNI é outra das grandes apostas deste ano, xa que inclúe no seu programa dúas estreas en Galicia e unha estrea absoluta de carácter internacional. Neste apartado do festival gaña gran relevancia a participación do público, que se converte no indiscutible protagonista.

Por todas estas actividades, o festival consolídase como o corazón do teatro en Galicia (representado no cartel deste ano), o que explica a imaxe desta edición e o lema “All you need is FIOT”, que resume esa necesidade de teatro do mesmo xeito que as persoas precisamos do sangue que bombea o corazón para vivir.

Nuria Espert e Fran Perea, entre os rostros máis populares

Un dos pratos fortes desta XXVI edición é a representación de Incendios, das compañías Ysarca e Teatro de la Abadía, na que participa Nuria Espert, a gran dama do teatro español e recentemente recoñecida co Premio Princesa de Asturias das Artes.

Outro dos rostros máis populares das artes escénicas españolas que estarán presentes no FIOT é Fran Perea, que repite con Feeldgood Teatro por segundo ano consecutivo e que se subirá ao escenario do Pazo da Cultura coa estrea en Galicia de El ciclista utópico.

A actriz Mónica Caamaño foi elixida nesta XXVI edición como Xograresa de Outono 2017 pola súa intensa e diversa traxectoria e compromiso activo co sector cultural, cuxa carreira transcorre entre o teatro, o cine e a televisión.

Venda de entradas

O próximo 6 de setembro ábrese a venda de bonos para os socios da AC Telón e Aparte, quen poderán mercalas ata o día 12 deste mes. A partir do 13 de setembro a venda de bonos estará dispoñible para o público en xeral. No caso das entradas soltas para a programación de sala, Ciclo OTNI e sesión dobre no Mercado, poderán adquirirse por internet desde o 13 de setembro ata o día antes de cada función ou de forma presencial na billeteira do Pazo da Cultura nos 90 minutos previos ao inicio da representación. As entradas dos espectáculos interpretados en locais de hostalaría, como é o caso da Rúa dos Contos, poderán mercarse nos propios establecementos a partir do 15 de setembro.

A venda de entradas estará dispoñible en internet a través da plataforma www.ticketea.com, na web oficial do festival www.fiot.gal e da súa páxina de Facebook. Tamén poderán adquirirse de forma anticipada no teléfono 902 044 226 e na billeteira do Pazo da Cultura o mesmo día da función.
Máis información sobre a venda de entradas aquí.      

Presentación

Na rolda de prensa de presentación do festival participaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o presidente da AC Telón e Aparte e director do FIOT, Alberto Sueiro; o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a vicepresidenta e deputada de Normalización lingüística e Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; e o presidente da Fundación Luis Calvo Sanz, Luciano Calvo. Excusou a súa asistencia o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, quen, á mesma hora, asistiu á inauguración en Ribadeo da exposición “Nordesía”, na que participan unha trintena de artistas vinculados a Carballo.

“As estratexias na organización desta edición van na liña do que pretendemos, que non é outra cousa que ser o referente, o corazón do teatro en Galicia e a maior oferta de actividades escénicas da nosa comunidade”, afirmou Sueiro, quen lembrou que o FIOT estivo entre os dez principais eventos culturais do Observatorio Nacional da Cultura, ademais como único festival de artes escénicas. “Esta edición -apostou- vai ser a mellor da historia do FIOT”.

Sueiro aproveitou a presenza de Sanmartín e de Sutil para reiterar a petición de que Carballo teña un novo teatro, máis grande, moderno e funcional.

“Para a nosa fundación -dixo Calvo Pumpido- é un pracer colaborar co FIOT, un festival que cada ano mellora o traballo e os éxitos do ano anterior e que, pola súa calidade, xa é un referente no só en Galicia, senón en toda España”.

Jacobo Sutil salientou a implicación do FIOT “no proceso de produción de espectáculos”. “Este ano”, engadiu, “son tres; dous deles, galegos”. Sutil tamén destacou a aparición no festival de novo programa de microteatro Metro Cadrado, “no que se lle dá a oportunidade a artistas emerxentes con linguaxes máis novas, fomentando todo o que é a creatividade”.

Goretti Sanmartín felicitou ao FIOT pola súa capacidade para formar públicos, “unha das cuestións fundamentais para a Diputación e por suposto para o teatro: ter un público que coñeza cales son os distintos tipos de espectáculos e que acuda a eles”. “O FIOT”, engadiu, “crea espazos nos que se involucra e participa toda a sociedade, espazos nos que os profesionais do teatro, desde os técnicos aos creadores, se senten absolutamente cómodos, como en Carballo. Aquí hai un proxecto potentísimo, que está continuamente medrando entre un público educado que comenta as obras nun fervedoiro de emocións, de sentimentos, de sensacións”. “O FIOT, dentro do territorio das nosas competencias, é o festival de teatro máis potente, o lugar por excelencia que creemos nós que temos que máis coidar e mimar”. A deputada felicitou tamén ao Concello de Carballo por ser un “referente no mundo da cultura, no só polo que fai a través do FIOT, senón de outras propostas como o Interplay ou o RexeneraFest o calquera outra, que entran todas nuhha liña de contemporaneidade absoluta. Quen lle dera a moitas cidades ter esta programación cultural que se fai aquí, que é un auténtico luxo”.

Evencio Ferrero mostrouse agradecido polas palabras de Sanmartín e dixo que os éxitos de Carballo son os éxitos dos carballeses: “Todo isto forma parte do esforzo de toda unha sociedade: Carballo témolo que facer entre todos”.

O alcalde felicitou “a todos os fioteiros, voluntarios e voluntarios do FIOT e a todo o departamento carballés de Cultura, que é o que fai impulsar e mover toda esta válvula cardíaca”. “Como é posible que nun pobo relativamente pequeno sexamos quen de facer unha programación tan ilusionante coma esta do FOIT? Precisamente pola gran complicidade de toda a sociedade carballesa co festival”. “Todo o que se dixo aquí é rigorosamente certo: cada ano temos a sensación de vivir o mellor FIOT, e ao ano seguinte o festival é mellor que o ano anterior”, abundou.

Ferrero sumouse a Sueiro na petición dun novo teatro para Carballo. “O extraordinario percorrido do FIOT culminará nalgún momento nese teatro, porque si que é necesario que non teñamos trabas escénicas para que en Carballo se poidan representar todo tipo de espectáculos, por complexos escénica e tecnicamente que sexan”. “Nos momentos nos que houbo que facer todo tipo de axustes, en Carballo tivemos a visión, eu creo que acertada, de non facer axustes nin en cultura, nin en deporte nin en servizos sociais; porque o teatro, a cultura e o deporte tamén é economía”. “Carballo”, rematou, “é un bo lugar para vivir, porque hai un diría que envexable nivel cultural, deportivo, social e de convivencia”.

Ligazóns

Descargas

Compartir: