Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

O público da Praza dos Libros mercou este ano preto de 1.300 exemplares, máis da metade en galego

A valoración das librarías participantes é moi boa, e todas amosan o seu interese en seguir participando

Martes 11 de xullo do 2017 Cultura

Nas actuacións infantís a carpa quedou pequena

Nas actuacións infantís a carpa quedou pequena

Máis alá das impresións, que foron moi boas, os números tamén reflicten que o formato da Praza dos Libros funciona. Segundo os datos facilitados polas librarías participantes, este ano vendéronse preto de 1.300 exemplares, aproximadamente o 60% en galego e o 40% en castelán, o que consolida unha tendencia iniciada xa no ano 2011.

Unha vez máis trunfaron os libros presentados na feira. “Lendas da Costa da Morte” e “Devalar sen pel” foron os máis vendidos, aínda que a literatura infantil e xuvenil é a que manda. As obras de Kalandraka e Os Bolechas, xunto cos referentes xuvenís máis de moda, arrasaron entre os máis novos, que tamén participaron moi activamente nas actividades paralelas programadas para eles. Ademais tivo moi boa acollida Demo Editorial, que debutaba na Praza dos Libros, e que en só dous días vendeu máis de 30 exemplares de cómics en galego como “Diario de Pichük” ou “Cabana de balieiros”.

A valoración dos establecementos participantes é moi boa, e todos amosan o seu interese en seguir participando na Praza dos Libros. Tamén é unánime a satisfacción co espazo de celebración, a difusión, os horarios, a programación e o cambio de datas da feira. Neste sentido, o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, destacou a boa aceptación que as novas datas tiveron tanto entre os libreiros e libreiras como entre o público, que medrou con respecto a edicións anteriores.

Ao longo dos catro días realizáronse máis de vinte actividades. A carpa quedou pequena en todos os espectáculos infantís, pero tamén no pregón de Manolo Rivas, a presentación dos “Contos mariños de Carballo”, que voaron na Praza dos Libros pero que aínda poden recollerse de balde no Museo de Bergantiños, ou a homenaxe a Paco Souto, que pechou a programación, aínda que todas as presentacións tiveron moi boa acollida. O domingo foi multitudinario, e a proba é que non quedaron nin un molete de pan nin unha lata de atún, que se entregaban como agasallo con cada compra.

Compartir: