Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

Unha animadísima Festa do Bosque pechou o San Xoán máis longo e un dos máis multitudinarios da historia

Os actos celebrados esta última fin de semana mantiveron o altísimo nivel de participación das anteriores

Luns 3 de xullo do 2017 San Xoán 2017

Satisfacción xeneralizada tanto na Asociación Cultural San Xoán como no Concello de Carballo polo desenvolvemento das celebracións patronais, que remataron o domingo cunha Festa do Bosque multitudinaria. O bo tempo contribuíu ao éxito dunha actividade que cada ano gaña protagonismo dentro do programa das festas, e que converte o Bosque do Añón nun punto de encontro interxeracional, no que reinan a alegría, a diversión e o bo ambiente.

Animadísima da mañá á noite, desde a sesión vermú con Eva e Camilo ata o concerto de peche con Festicultores Troupe, a Festa do Bosque pechou o San Xoán máis longo e un dos máis multitudinarios da historia. As comidas campestres, o concurso de doces, a baixada de barcos de papel e os xogos populares organizados pola comisión conviviron á perfección cos karaokes, os gaiteiros espontáneos e os altofalantes a todo volume que permitían ir variando de estilo musical dun punto a outro.

Este ano o concurso de doces estivo moi rifado, xa que se presentaron 13, pero nada que ver cos case 180 barcos de papel que baixaron polo Anllóns na 111ª edición dun concurso no que se conta para atrás cada ano. Nenos e grandes, como en todas as actividades da Festa do Bosque, volveron a participar xuntos na divertida competición.

Paul Collins, na sesión vermú do Rockin

Paul Collins, na sesión vermú do Rockin

Ao igual que a Festa do Bosque, o Rockin’ contribuíu a que a última fin de semana do San Xoán mantivese o altísimo nivel das tres anteriores. O novo formato do festival foi un éxito, e ata Paul Collins marchou encantadísimo co variado e numeroso público que tivo na pioneira sesión vermú do Escenario Palmeira. Pola noite, a carpa do Rego da Balsa volveu a encherse. Os organizadores facían onte un balance moi positivo da experiencia, que probablemente se repetirá en vindeiras edicións.

Con este colofón, as Festas de San Xoán cumpriron o seu obxectivo un ano máis: promover a participación de toda a sociedade nas celebracións patronais, organizar actividades para todos os públicos e os diferentes gustos, impulsar os sectores da hostalaría e o comercio e converter Carballo nun punto de encontro para veciñas e veciños de toda a Costa da Morte e máis aló.

Vídeos



Galería

Compartir: